O Apalpador pídelle a Rueda que este sexa “o derradeiro Nadal sen programación infantil e xuvenil en galego”

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023.- A Mesa pola Normalización Lingüística celebrou esta mañá na praza do Obradoiro un acto festivo no que o Apalpador e un grupo de crianzas lle pediron ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que este sexa “o derradeiro Nadal sen programación infantil e xuvenil en galego”. 

O Apalpador lamentou non poder agasallar as crianzas galegas a Canle Xabarín que lle piden cada ano, debido ao incumprimento da Iniciativa Xabarín que se aprobou por unanimdade no Parlamento galego en maio de 2021, despois de meses sumando o apoio de ducias de colectivos e de máis de 33.000 persoas. “Mentres non se cumpra acordo parlamentar promovido pola Mesa con amplo apoio social”, lamenta o Apalpador, “a infancia e a mocidade galega seguerá sen poder gozar con programación audiovisual na súa lingua, en todos os dispositivos e plataformas de contidos audiovisuais”. 

O presidente da asocación en defensa da lingua, Marcos Maceira, recorda que “a programación infantil e xuvenil en galego é apenas o 0,83% da dispoñíbel nas operadoras de televisión e que a TVG reduciu o espazo reservado a esta programación na segunda canle, mentres que o galego está dispoñíbel no 0% das emisións na canle temática Clan, de TVE”. 

“É lamentábel que haxa que reaxir para se cumprir a lei e os acordos unánimes do Parlamento galego”, abunda Maceira, “mais as fobia ao galego de Alfonso Rueda non pode estar por riba da demanda cidadá de que a TVG impulse a oferta en galego para nenos e nenas”. “Estase a impedir que a infancia e a mocidade galega teña unha mínima posibilidade de acceso a contidos audiovisuais televisivos orientados a ela”, denuncia Maceira, “para iso o presidente Rueda non dubida en boicotar directamente unha decisión do Parlamento sobre a TVG”. “Esta actitude fortalece tamén o desprezo polo galego da actual dirección de RTVE”, incide, “que  actúa como se o galego, simplesmente non existise e non tivese estatus legal nengún”.

“Os poderes públicos teñen obriga de promoción do galego e as televisións públicas teñen que estar ao servizo da sociedade”, remata Marcos Maceira, “tanto a TVG como TVE deben favorecer o acceso das crianzas á súa lingua. Xa abonda de incumprir todos os acordos e leis favorábeis ao idioma de Galiza”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra