Solicitan aos concellos con contas en Movistar que exixan manter os postos de traballo e a atención en galego
Iniciarán tamén una recollida de sinaturas por toda Galiza e na rede de apoio ás mocións
O galego é a mellor garantía de emprego
A Coruña, 26/10/2016-. Tal como acordarán na reunión mantida entre A Mesa e o Comité de empresa de Extel na Coruña presentarán a todos os concellos galegos unha proposta de moción con tres puntos para garantir a continuidade dos postos de traballo no sector da teleatención en Galiza, en risco neste momento polo expediente de regulación de emprego presentado en Extel, e que afecta a 205 traballadoras e traballadores.
Na última década os centros de atención á clientela na Galiza foron pechando en canto as empresas centralizaron o servizo en grandes centros de traballo. Desde o estoupido da crise, as grandes empresas incrementaron a deslocalización dos servizos de atención cara a terceiros países. En Galiza, esta deslocalización acompañada de despedimentos agravouse polo uso exclusivo do castelán nas relacións comerciais. Só entre os ano 2010 e 2012 destruíronse máis de 2040 postos de traballo, que se manterían en Galiza de existir opción de galego ao ser o persoal de Galiza o mellor cualificado para ofrecelo. O Galego é a mellor garantía de emprego.
No caso concreto de Extel, empresa dedicada a atender o servizo 1004 de información ao cliente de Movistar, un ERE contempla o despedimento de 205 traballadoras e traballadores da Coruña. Este ERE responde a unha clara estratexia de deslocalización que pasa por desmantelar o centro de Galiza e cubrir o 1004 desde Bucaramanga, en Colombia, onde xa comezaron a atender as chamadas.
O texto da moción, que xa foi remitido a todos os partidos, concellos e á FEGAMP, solicita dos concellos que manifesten o seu apoio ás reivindicacións das traballadoras e traballadores de Extel; reclamar a Movistar que garanta en todos os casos os postos de traballo na Coruña e por tanto a atención en galego;e transmitirlle a Movistar que no caso de non atender esta demanda, o concello trasladará a súa oferta a calquera outra compañía que garantir a atención en galego desde Galiza.
Ademais comezarán un proceso de recollida de sinaturas tanto nas rúas de toda Galiza como a través da rede, solicitando o apoio cidadán á moción.
Proposta moción Extel Atención en galego