Por primeira vez solicítase unha fianza para a colocación dun palco a unha entidade sen ánimo de lucro.
A plataforma cidadá lembra que en maio xa lle gañou nos xulgados un recurso ao concello.
Santiago 15 de xaneiro de 2013-. A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 700 entidades e colectivos sociais, recibiu hoxe resposta á solicitude de instalación da infraestrutura necesaria para a celebración do acto final da manifestación convocada para o 27 de xaneiro, onde se prevé a participación de miles de persoas para pedir a derrogación do decretazo contra o galego e a retirada do proxecto da LOMCE, máis coñecida como lei da Wertgoña. Nesta resposta municipal pédeselle á plataforma unha fianza de 600€ para a colocación do palco, algo inédito no Concello de Santiago.
A plataforma cidadá entende esta petición de fianza como un atranco á liberdade de expresión e á celebración desta manifestación, a segunda que provén deste goberno municipal en Compostela, xa que, lembra, o 17 de maio de 2012 tivo que recorrer e gañar nos tribunais a autorización de instalación de megafonía e palco na praza da Quintana, e non dubidará en recorrer outra vez se finalmente se impede a celebración desta manifestación, convocada e notificada á delegación do goberno en tempo e forma como é preceptivo.
Queremos Galego sinala tamén que esta solicitude de fianza rompe co compromiso do goberno municipal de excluir do pago de taxas e fianzas para a utilización da vía pública ás entidades sen ánimo de lucro, entre as que se atopa a plataforma cidadá, tras a aprobación da ordenanza de ocupación da vía pública, amplamente contestada pola cidadanía compostelá.
Para a plataforma cidadá isto é unha mostra máis do uso que quere facer o Partido Popular das intitucións como a súa finca particular, permitindo ou limitando a expresión democrática da cidadanía en función da súa coincidencia ideolóxica, e chama ao Concello de Santiago a rectificar inmediatamente e a que deixe de buscar problemas onde até agora non os houbo.