O Concello de Santiago aprobou hoxe por unanimidade dos membros da corporación municipal a Declaración institucional de apoio á iniciativa Xabarín, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüísitica.
Esta iniciativa procura unha ampla oferta audiovisual en galego para a infancia e a mocidade coas canles Xabarín da TVG dispoñíbeis en todas as operadoras, para todos os dispositivos e por todos os medios, con contidos de éxito, educativos, culturais e de produción galega. Reclama tamén a existencia de opción dobrada ao galego, en igualdade co estabelecido legalmente para o castelán, nos catálogos das operadoras e plataformas de televisión.
A Declaración, aprobada polo pleno e asinada polos portavoces de PP, BNG, PSdG-PSOE e CA, insta a todas as Administracións públicas, entes e entidades a que cumpran os acordos da Iniciativa Xabarín aprobados polo Parlamento de Galiza en 2021. Aliás, insta a operadoras e distribuidoras de contidos audiovisuais a que se sumen á difusión de contidos en galego para a infancia e a mocidade. Pola súa banda o concello de Santiago comprométese a ser referente na defensa do galego na infancias a través das entidades municipais.

En intervención perante o pleno da Capital de Galiza, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, mostrou o agradecemento da Mesa pola Normalización Lingüística a todos os grupos municipais non só polo apoio á Iniciativa Xabarín, senón polo que implica para garantir a presenza e normalización do uso do galego en todos os ámbitos da vida social, nomeadamente para as crianzas.
Maceira lembrou todo o traballo desenvolvido pola Mesa ao redor da Iniciativa Xabarín, desde a aprobación unánime polo Parlamento de Galiza, á introdución na Lei xeral de audiovisual de cotas de emisión en galego para todas as operadoras, garantía de versión en galego para todos os contidos destinados a menores de 12 anos ou a aprobación dunha emenda no Parlamento Europeo, promovida pola Mesa, que inclúe as linguas cooficiais propias nos requisitos lingüísticos da Directiva europea.
Porén, sinalou Maceira, “despois de dous anos e medio, todo este traballo realizado aínda non se materializou en accións concretas: a lingua galega é a única do Estado que non conta cunha canle temática infantil nas operadoras de televisión e só está presente en 0,83% da oferta dispoñíbel; a oferta infantil da TVG pasou de 73 horas semanais en 2017 a 20 horas en 2023; as plataformas audiovisuais estatais só ofertan en galego 0,28% dos seus contidos infantís e xuvenís e as internacionais 1,1%”. Ademais, engadiu, “plataformas públicas como RTVE Play só contan con 2 títulos en galego, cero infantís, mentres a canle infantil pública Clan TVE non dispón de nada en galego”.
“Non nos podemos resignar” asegurou o presidente da principal entidade social en defensa do galego, “Sen presenza do galego no audiovisual vétase o acceso a miles de crianzas ao seu idioma nunha parte importante do seu lecer, das referencias culturais e de vías de aprendizaxe e socialización propias do mundo actual”. Para Maceira “esta exclusión forzosa do galego contribúe ao seu abandono por quen o fala e impide o mínimo contacto para o coñecemento e o uso futuro de quen non o fai”.
“Só é preciso activar a vontade política para os executar e cumprir coa palabra dada polas institucións públicas responsábeis” remarcou o presidente da Mesa que se mostrou convencido de que “coa unidade mostrada coa aprobación desta Declaración Institucional na Capital de Galiza, co diálogo e a capacidade de acordo que mostra e da que tanto precisa a nosa lingua todos os días, conseguiremos dar un paso máis para rectificar a historia e recuperar a normalidade que o noso idioma nunca debeu perder”.
A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.