A Mesa pola Normalización Lingüística

O Concello do Carballiño négase a atender un cidadán porque falaba galego

No “número de atención al ciudadano” desta administración dinlle que “yo no sé gallego”

A Mesa exíxelle a Marnotes que respecte a lexislación e tome medidas para garantir os dereitos lingüísticos das veciñas e veciños do Carballiño

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2014. A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou esta mañá un grave caso de discriminación lingüística por parte do Concello do Carballiño, que alén de incumprir a lexislación sobre o uso do galego como lingua propia das administracións locais, vulnerou gravemente os dereitos dun cidadán ao lle negar atención polo feito de se expresar en galego.

 

Segundo a queixa recibida pola Mesa a través da Liña do Galego, a Tesouraría do Concello do Carballiño enviou unha notificación a un cidadán na que se excluía o uso do galego. Este cidadán dirixiuse ao número de atención indicado no dito escrito para aclarar algunhas dúbidas sobre os trámites que a administración o instaba a realizar. Porén cando comezou a expor as súas dúbidas, cousa que fixo en galego, lingua propia e oficial das administracións locais en Galiza, a persoa que o atendía díxolle que non entendía o que dicía, “no sé gallego”, e que nese momento non había ningún compañeiro que o puidese atender se se continuaba a expresar nesa lingua, indicándolle que volvese a chamar outro día e dando por finalizada a chamada.

 

O feito de non seren atendidas as súas dúbidas nese momento supuxo un grave prexuízo a este cidadán ao lle dificultar o cumprimento dos prazos administrativos estabelecidos só polo feito de se expresar no seu idioma. 

 

Desde A Mesa lembran que este tipo de situación vulneran claramente a lexislación vixente sobre os dereitos lingüísticos da cidadanía na súa relación coa Administración, entre outros o artigo 6.1 da Lei 3/83 de normalización lingüística, aprobado hai máis de trinta anos, que indica: “Os cidadáns teñen dereito ao uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma”. De forma máis concreta, o artigo 54.11 da Lei 7/2007 do estatuto do empregado público, estabelece que os empregados públicos “garantirán a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio”.

 

Neste sentido, A Mesa xa rexistrou unha queixa contra o Concello do Carballiño perante o Valedor do Pobo. Así mesmo, desde a asociación en defensa da lingua dirixíronse ao alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, para lle exixir que tome medidas ante este grave suceso e garanta os dereitos lingüísticos das veciñas e veciños do Carballiño e o cumprimento da lexislación sobre a utilización do galego como lingua oficial do Concello.

 

Marcos Maceira salientou a gravidade do sucedido: “Non hai xustificación posíbel para que desde as administracións se continúen a pór impedimentos para utilizarmos a nosa lingua propia”, sinalou o presidente da Mesa. “É inconcebíbel que trinta anos despois da LNL haxa concellos que continúen sen se enteraren de que o galego é a súa lingua oficial”.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra