O Congreso dos Deputados comeza a debater mañá unha Lei do Audiovisual que pode excluír o galego

O Proxecto de Lei xeral de Comunicación Audiovisual comezará mañá quinta feira (xoves) a súa tramitación no Congreso dos Deputados co debate de toma en consideración

Para A Mesa pola Normalización Lingüística, a tramitación desta Lei ten que se converter nunha oportunidade de mudar unha proposta lexislativa que non garante un mínimo de igualdade para o galego, nen na dispoñibilidade en contidos foráneos nen para as producións propias.

Esta lei definirá o desenvolvemento do conxunto do audiovisual e das canles e plataformas de contidos televisivos nas próximas décadas. Se non houber mudanza sobre o Proxecto de lei proposto polo goberno español o galego seguirá excluído da inmensa maioría da oferta de series e filmes.

Por isto, diversas entidades do sector audiovisual, do ámbito académico e da defensa lingua, elaboramos  a Iniciativa polo audiovisual en galego, unha proposta de emendas que estamos a presentar ao partidos políticos  para conseguir igualdade para o galego na dobraxe, lexendaxe, audiodescricións e financiamento de producións nos termos contemplados na Iniciativa Xabarín aprobada por unanimidade polo Parlamento galego.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, advirte que “é da máxima relevancia para o futuro da lingua galega” que a nova lei audiovisual inclúa a demanda unánime do Parlamento Galego e as alegacións presentadas pola entidade de defensa da lingua, baseadas neste acordo parlamentar. “Cómpre actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión da nosa lingua é máis evidente”, recorda, “e que, ao tempo, é un dos máis empregados polo público en xeral e a mocidade e infancia e particular”. “Estes dous elementos converxen nun sector como audiovisual galego de calidade demostrada e grande capacidade para contribuír ao desenvolvemento cultural e económico do noso país”, conclúe Maceira.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que dos 25872 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés pero só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua. “Esta oportunidade de mudalo é única”, remata Maceira, “o pobo galego unido é imparábel. Afrontamos esta oportunidade nas mellores condicións posíbeis: cun acordo unánime das forzas políticas e sociais galegas. A unidade é garantía de éxito.

 

A Iniciativa polo Audiovisual en galego reclama:

  •  Garantir e impulsar a dobraxe, lexendaxe, audiodescricións, aplicacións e interfaces e galego e outras linguas propias oficiais em todas as canles e plataformas
  •  Estabelecemento dun mínimo de cota de programación e catálogo en galego en todas as canles e plataformas.
  •  Aumento ao 20% da obriga de financiamento antecipado para producción europea, cunha cota proporcional de financiamento de producións en linguas cooficiais estabelecendo un mínimo para elas.
  •  Descentralización dos centros de referencia e fondos de financiamento de producións
  •  Definición de produtor independente axustada á realidade.
  •  Garantir os dereitos de autor e propriedade intelectual.
  •  Conservación de arquivos históricos audiovisuais e sonoros.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra