O Consello de Europa critica con contundencia a política lingüística de Feijóo, sobre todo por reducir o galego no ensino

O Consello de Europa reclama que se oferte ensino en galego e constata que os ataques contra o idioma vulneran tratados internacionais.

Carlos Callón: “O Comité de Expertos do Consello de Europa recoñece de forma contundente o que A Mesa leva tres anos denunciando”.

“Feijóo non debería caer na tentación de continuar igual despois desta advertencia do Consello de Europa: gañar as eleccións non o converte en monarca absoluto que poida desprezar os nosos dereitos”.

A Mesa pola Normalización Lingüística valorou esta tarde nunha conferencia de imprensa de urxencia o relatorio elaborado polo Comité de Expertos do Consello de Europa sobre a aplicación en Galiza da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias, que se pode consultar nesta ligazón:

https://wcd.coe.int/ViewDoc.jsp?Ref=CM%282012%29111&Language=lanEnglish&Ver=original&BackColorInternet=C3C3C3&BackColorIntranet=EDB021&BackColorLogged=F5D383

 

O presidente da Mesa lamentou que este relatorio “non se coñecese antes das eleccións autonómicas”, pois “demostra de forma palpábel que existe unha distancia enorme entre a propaganda do equilibrio lingüístico que vende Feijóo de forma falaz e a dura precariedade en que se encontran os dereitos das e dos falantes de galego”. Así e todo, Carlos Callón lembrou que “gañar as eleccións non fai que as mentiras se  convertan en verdade” e reclamou que o novo goberno autonómico “rectifique dunha vez e pase a respectar os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos”. “Feijóo non debería caer na tentación de continuar igual despois desta advertencia do Consello de Europa: gañar as eleccións non o converte en monarca absoluto que poida desprezar os nosos dereitos”, apunta.

 

O Comité de Expertos do Consello de Europa aborda no seu relatorio diversos aspectos da comunidade lingüística galega, mais detense con maior intensidade no relativo ao sistema educativo. Así, o organismo internacional critica especialmente a “redución gradual” do ensino en galego “en todos os niveis” e lembra que a obriga dos poderes públicos é garantir liñas educativas nucleadas no idioma propio de Galiza. Ademais, apuntan que o modelo do chamado “decreto de plurilingüismo” imposto por Feijóo contra o criterio da comunidade educativa non debe afectar á media de presenza do galego na escola, como si está a facer. Lembremos que nestes momentos, nas estimacións máis optimistas, só o 20% do ensino non universitario se desenvolve en galego e que só o 3% dos centros de infantil das cidades declaran impartir as aulas na lingua do país. Ningunha outra lingua oficial no Estado español se encontra cunha situación tan limitada.

 

Mentres os expertos europeos “aplauden” a promoción do catalán e do vasco nos seus territorios, detéñense a criticar a redución da presenza do galego nestes anos tanto no ensino como na administración ou nos medios de comunicación. Nisto último, rexeitan a desaparición do único diario que existía en galego, durante a pasada lexislatura, e critican que aínda non haxa ningunha radio ou televisión privada que emita no idioma de Galiza para todo o territorio galego, tal e como estipula a Carta Europea das Linguas.

 

Por outra banda, o Comité de Expertos tamén se detén na vulneración de dereitos lingüísticos no sector da Xustiza, no cal o PP ordenou a modificación do programa informático, que impide nestes momentos usar o galego con normalidade nas xestións administrativas máis habituais.

 

Carlos Callón pide que “a Xunta escoite o Consello de Europa e respecte este tratado internacional, respecte a lingua que nos une como galegas e galegos”. De non o facer, o dirixente da Mesa apunta que “desde o movemento cultural galego continuaremos a batallar con ánimo e enerxía, porque sabemos que estamos a defender unha causa xusta e necesaria, como é a liberdade de podermos utilizar o noso idioma no noso propio país”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra