Segundo o seu Comité de expertos, o decretazo 79/2010 contra o galego, entra en contradición cos acordos contemplados na Carta Europea das Linguas
O Consello de Ministros insta á Xunta e ao Goberno Español a cumpriren coas obrigas da Carta Europea das Linguas en relación ao uso do galego en ámbitos como o ensino a xustiza, a administración ou medios de comunicación
Marcos Maceira: “quen máis o ten que dicir para que Feixó mude a actitude contra o galego?”
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2016-. O Comité de Expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas, tratado internacional ratificado polo Estado Español en 2001, vén de facer publico o seu 4º informe sobre o cumprimento da Carta no Estado Español. Este cuarto informe foi avaliado polo Consello de Ministros do Consello de Europa que á súa vez instou ás autoridades españolas e galegas a cumpriren os acordos que sinala a debandita Carta.
O Consello de Europa reafírmase así nas conclusións que xa emitira no anterior periodo, publicado en 2012, considerando que os acordos sobre o tratado internacional non está cumpridos nin na educación infantil, nin na primaria, nin na secundaria, en relación ás limitacións impostas polo Decreto 79/2010 ao uso do galego no ensino.
A este respecto sinalan que o obxectivo de reducir a presenza do galego a 1/3 « entra claramente en contradición cos compromisos escollidos polas autoridades de acordo coa Carta que esixe a educación predominantemente en galego ».
Para o ámbito da xustiza tanto o Comité de expertos como o Consello de Ministros instan a goberno estatal e autonómico a modificaren a lexislación para dar efectivo cumprimento ao uso do galego na xustiza e na administración.
Para a Mesa pola Normalización Lingüística a Xunta de Galiza non pode continuar facendo ouvidos xordos ao que lle está a dicir non só a sociedade galega, senón tamén organismos da relevancia do Consello de Europa.
Segundo sinalou o presidente da Mesa Marcos Maceira, para quen este informe “demostra máis unha o nivel de agresividade contra o galego que se acadou na etapa actual da Xunta”, “o galego precisa feitos e accións concretas e non só declaracións de intencións”. “A política lingüística da Xunta é un ataque continuado ao galego, nomeadamente no ensino, aínda que non só”. O presidente Feixó debe mudar radicalmente o rumo se non quere provocar un dano irreparábel ao noso idioma”. Maceira asegurou que “non o dicimos só desde a Mesa, a sociedade lévallo dicindo ano tras ano e agora, outra vez, dinllo desde o Consello de Europa.”
Lembrou tamén o presidente da Mesa que “o Partido Popular é o partido que goberna en Galiza e que asinou o pasado 15 de xullo unha declaración a prol da normalización da lingua galega, promovida pola Mesa, na que as principais organización políticas galegas se comprometían a aplicaren os acordos nacionais e internacionais favorábeis a favor do galego”. Para a Mesa “a Carta Europea é un deses acordos incumpridos que compre activar xa para garantir o galego no ensino, na administración, na xustiza, nos medios de comunicación ou nas relacións de consumo”, polo que o presidente da Mesa instou ao Goberno do Partido Popular a cumprir todos e cada un dos acordos en relación ao galego, tal e como lle din desde Europa, e tal e como lle indica unha sociedade que nestes anos estivo permanente mobilizada a favor da súa lingua”.
O texto completo do informe pódese consultar aquí: https://wcd.coe.int/ViewDoc.jsp?Ref=CM%282015%29147&Language=lanEnglish&Ver=original&BackColorInternet=C3C3C3&BackColorIntranet=EDB021&BackColorLogged=F5D383