O Consello de Europa recrimina de novo á Xunta o incumprimento dos mínimos internacionais en relación ao galego 

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024.- O Consello de Europa fixo público esta mañá o seu 6º informe sobre o cumprimento da Carta Europea das lingua rexionais e minorizadas, tratado internacional ratificado polo Estado español en 2001 e de obrigado cumprimento. 

Este informe, elaborado por persoas expertas na materia despois de reunirse con institucións e entidades sociais como a propia Mesa, sinala por terceira vez o incumprimento por parte da Xunta dos puntos relacionados coa educación, concretamente no ensino infantil, primario e secundario. Tamén advirte do empeoramento do cumprimento da Carta Europea das Linguas por parte das autoridades xudiciais, en relación ao desenvolvemento de procedementos en galego a petición dunha das partes así como da garantía no uso de intérpretes. E chama a atención sobre as deficiencias no requisito de coñecemento do galego por parte do funcionariado, nomeadamente no acceso á adminstración do Estado.

O comité de expertos do Consello de Europa recomenda, para acción inmediata, eliminar as limitacións que impiden o uso do galego como medio de ensino das materias de ciencias, adoptar medidas para garantir o uso do galego nos centros de atención sociosanitaria e garantir que os falantes de galego poidan interactuar en galego nas delegacións locais da administración estatal e emprender as accións precisas para que os tribunais conduzan a actuación penal, civil e administrativa en lingua galega a instancias dunha das partes.

O informe recomenda, tamén, garantir que o ensino en galego estea dispoñible en todos os niveis e, nomeadamente, no ensino infantil nas cidades. Recolle a necesidade de elaborar materiais didácticos en galego para as ensinanzas técnicas e profesionais, incluídas as a distancia e de poñer a disposición datos desagregados sobre o número de procesos penais, civís e administrativos levados a cabo en galego. As institucións públicas deben informar sobre a dispoñibilidade dos dereitos dos consumidores en Galicia. Asimesmo, recorda que é preciso poñer a disposición da cidadanía os textos e formularios administrativos estatais en galego, restablecer unha versión galega do Boletín Oficial do Estado e desenvolver un software que ofreza a posibilidade de utilizar formularios, modelos ou documentos en galego de forma eficaz no proceso xudicial, posibilitando unha análise xudicial avanzada, ao tempo que proporcionan aos cidadáns canles de comunicación coa administración de xustiza en galego.

A Mesa pola Normalización Lingüística considera que este informe do Consello de Europa é unha mostra máis do desprezo que o Estado e a Xunta mostran para a lingua galega, confirmando -en palabras do seu presidente, Marcos Maceira- que “23 anos despois de ser ratificada, a Carta Europea das linguas segue sen se cumprir”. Para o presidente da Mesa, o incumprimento contínuo supón “desacato e insubmisión da Xunta á súa propia legalidade, buscando cuestionar a oficialidade do galego”.

Maceira recorda, tamén, que a entidade de defensa da lingua solicitou unha xuntanza co Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude para enfrontar esta situación o mesmo día do seu nomeamento e que ata o día de hoxe esta solicitude non tivo resposta.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra