A Mesa pola Normalización Lingüística

O Correlingua denuncia o intento de censura por parte do concelleiro de Educación de Santiago

O Concello de Santiago supeditou a colocación dun palco para as actuacións do Correlingua á censura do manifesto elaborado polo alumnado de 4º da ESO do CPI de Pontecesures. As entidades organizadoras, entre as que se conta A Mesa, sinalan que “co criterio censorial desta administración, non existiría literatura galega”.

A pesar da falta de apoio institucional, o Correlingua tamén se celebrará este ano en Compostela.

O Concello de Santiago de Compostela retirou toda a súa colaboración do Correlingua, a carreira pola lingua organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Confederación Intersindical Galega – Ensino, que contaba coa participación do concello de Santiago desde os seus incicios no ano 1999, e que para a edición 2012 ía consitir só na colocación dun palco propiedade do Concello de Santiago para se desenvolveren as actuacións musicais e teatrais do Correlingua, compromiso ao que chegara o Concelleiro de Cultura, Educación e Normalización Lingüística nunha reunión mantida cos organizadores.

 

O Corrrelingua é ademais da actividade de dinamización lingüística con maior participación das que se celebran en Galiza (45.000 alumnas e alumnos na última edición), unha das actividades citadas expresamente no Plan Xeral de Normalización Lingüística do Concello de Santiago para promover e consolidar (Obxectivo 2.6.g e o 6.5.e).

 

Esta retirada débese, segundo expresou telefonicamente o concelleiro de Educación e Normalización de Santiago aos organizadores, a non estar de acordo co contido do manifesto gañador do concurso que se celebra todos os anos, como actividade educativa previa ao correlingua, e do que resultou gañador o alumnado de 4º da ESO do CPI de Pontecesures.

 

O concurso de manifesto do Correlingua trata de promover a reflexión do alumnado ao redor da situación da lingua galega desenvolvendo nas aulas un traballo previo á propia festa, e nel participan todos os anos centos de alumnos e alumnas de toda Galiza.O resultado é un traballo literario desenvolvido conxuntamente polos grupos participantes e que será lido en todos os Correlingua que se celebrarán a comezos de maio nas semanas previas ao Día das Letras Galegas.

 

A organización do Correlingua descoñecece os motivos polos que o texto gañador do concurso deste ano non resultou do gosto do Concelleiro de Educación e Normalización Lingüística de Santiago, mais lembra que unha instición pública que se debe ao conxunto da cidadanía non se pode rexir polos gostos dos seus representantes, máis cando actividades educativas como o Correlingua teñen como obxectivo propiciar a reflexión sobre a situación da lingua galega e a importancia de activar as accións en prol dela, o que encaixa dentro do Plan de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento Galego, como ben souberon entender todas as institucións, de todas as cores políticas, que colaboran e levan colaborado co Correlingua ao longo deste 13 anos.

 

Esta negativa do concello de Santiago a ceder un dos palcos dos que dispón, tal e como acordara co Correlingua, mostra como os responsábeis desta institución antepoñen os seus prexuízos persoais, neste caso contra a lingua galega e a opinión libre de alumnos e alumnas de 4º da ESO, ao cumprimento dos acordos tomados conxuntamente e que implican ao conxunto das forzas políticas e as institucións.

 

Para os organizadores do Correlingua o concelleiro de Educación de Santiago está a dar unha lección ao conxunto do alumnado de como coartar a liberdade de expresión e de opinión, base de calquera sistema democrático,  na liña contraria do que debería promover como máximo responsábel educativo en Santiago.

 

Desde o Correlingua lémbranlle ao Concello de Santiago que se a literatura galega existe é precisamente por ser mostra da liberdade de expresión fronte ao intentos do poder político en todas as épocas de censurala.

 

O Correlingua manterá o seu programa previsto en Santiago para o 7 de maio, para o que xa solicitou os permisos pertinentes tanto á Concellaría de Tráfico como á Subdelegación do Goberno na Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra