O concurso esá destinado a grupos ou solistas que teñan como lingua o galego e está premiado con 10 actuacións musicais nas festas do Correlingua.
O xuri estará formado por alumnado de centros de ensino participantes no Correlingua.
Santiago de Compostela. 20 de decembro de 2014-. Como todos os anos o Correlingua, actividade escolar de normalización e dinamización lingüística organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega,a Mesa pola Normalización Lingüística, os Concellos de Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, lanza o concurso musical Cantalingua para escoller, entre os participantes, os grupos que actuarán nas festas do Correlingua.
O Cantalingua está premiado con 10 actuacións que se repartirán entre tres finalistas, terán lugar entre o 5 e o 16 de maio en diferentes vilas e cidades galegas, e están dirixidas ao público escolar que participará no Correlingua.
As cancións que se presenten serán avaliadas por alumnado de centros inscritos no Correlingua.
Con este concurso o Correlingua ten como obxectivos servir de canle de difusión da música galega actual, especialmente de grupos ou solistas amadores, e facilitar o achegamento da mocidade ao gran traballo que se está a desenvolver a nível musical no noso país.
Os grupos ou solistas que desexen presentarse deberán enviar unha canción en formato mp3, xunto cunha reseña, fotografía e datos ao enderezo correlingua@correlingua.org . O público poderá ouvir e descargar as cancións en www.cantalingua.org .
Máis información: 653573367