O Correlingua volve ás rúas

Pontevedra, 16 de febreiro de 2023. O Correlingua volverá a encher as rúas das principais cidades e vilas galegas o vindeiro mes de maio coa recuperación das carreiras pola lingua. Carreiras e festas son a parte máis visible dunha morea de actividades que xa están en marcha e que reclaman unha celebración para a nosa lingua. Todas estas actividades foron presentadas no Concello de Pontevedra sinalando a recuperación das rúas despois dos anos de pandemia. Na presentación participaron representantes das entidades organizadoras, Alberto Oubiña, concelleiro Normalización Lingüística de Pontevedra, Anxo Terán, presidente da AC Correlingua, Celia Armas, secretaria da Mesa pola Normalización Linguística, Marta Ferreiro, AS-PG e Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino. Entre as entidades colaboradoras figuran as deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra, e os concellos de A Coruña, Lugo, Santiago e Pontevedra entre outros.

Os representantes das tres entidades organizadoras, CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS_PG, sinalaron a recuperación dunha das características principais do Correlingua e superación dos anos afectados pola pandemia. Coincidiron en apuntar o éxito que supón vinte e tres anos dunha manifestación lúdica na que está implicada toda a comunidade educativa, tanto profesores como alumnado.

Para Suso Bermello, “Correlingua é moito máis que unha carreira, é unha festa e tamén é unha reivindicación do dereito das persoas a vivir no seu idioma”. O secretario nacional da CIG-Ensino sinalo que en 2000, cando comezou a celebrarse Correlingua “a situación do galego no ensino e na sociedade era dun devalo claro”. Bermello recapitulou a situación da lingua desde entón, asegurando que “agora estamos peor que hai vinte e tres anos”. Engadiu que isto é así porque a Administración autonómica ten un obxectivo: “deixar esmorecer o noso idioma”. Para Bermello “o Correlingua é un mecanismo para animar á xente máis nova a participar e a sumar á lingua”.

Marta Ferreiro, Suso Bermello, Celia Armas, Anxo Terán e Alberto Oubiña na presentación da edición número 23 de Correlingua en Pontevedra

Celia Armas, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, sinalou que as “carreiras e as festas son as actividades máis visibles de todas as actividades que supón o Correlingua”. Armas relacionou os certames como o Cantalingua, as regueifas, os obradoiros, “actividades que se estenden por practicamente todo o ano escolar e que xa están en marcha”.

O presidente da asociación Correlingua, Anxo Terán, apunto que despois de “tres anos de pandemia volver a facer o que é típico supón volver a esencia do que é a actividade: carreira, animación, festa, concertos e todo o que se lle ocorra aos centros porque Correlingua asume todas as formas nas que os centros e o alumnado queira participar”.

Os participantes na presentación en Pontevedra, fixeron fincapé na participación do alumnado. No último ano sen restriccións, en 2019, participaron 19.000 alumnos en todas as actividades realizadas. Para asistir as festas desta vixésimoterceira edición do Correlingua os centros teñen que cubrir a folla de inscrición na web do Correlingua. Abriuse o prazo o 1 de febreiro, remata o 30 de abril.

Outras actividades do Correlingua 2023

Regueifando!
Faremos unha gran regueifa colectiva.
Enviamos un titorial, crean e gravan 3 coplas na aula e mándase ao seguinte centro para que o continue. Ao final editamos un vídeo con todas as regueifas dos grupos participantes. Na edición do 2022 participaron 27 grupos doutros tantos centros de ensino de toda Galiza. Está actividade xa está en marcha en diversos centros de Galicia.

Desata a lingua.
Obradoiros de escrita creativa impartidos por escritoras en aulas de 1º e 2º da ESO
Desde hai xa dúas edicións comezamos con estes obradoiros coa intención de elaborar un manifesto colectivo. O manifesto desta edición é o resultado dese traballo feito nos centros no último trimestre do 2022. Os obradoiros que se fan no 2023 darán como resultado o manifesto do Correlingua 2024

CONCURSOS
Crealingua:
Concurso libre de creación artística en galego.
O Crealingua é unha ventá aberta ao idioma, agardamos o aire fresco en forma de Banda Deseñada, Tik Tok, vídeo, blog e toda aquela produción feita polo alumnado. Data límite para o envío do material: 15 de abril
O premio será unha clase maxistral cun/ha profesional do ámbito no que participe o grupo gañador.

Cantalingua.
Concurso de música en galego.
Os grupos musicales que queiran participar envían unha canción en galego e teñen de prazo ata o 12 de marzo. O xurado estará formado polas entidades organizadoras e o alumnado da ESO que queira formar parte, para iso teñen que enviar un correo solicitando a participación. Os 3 grupos gañadores serán os que animen todas as Festas do Correlingua 2023. Na edición do 2022 participaron 35 (grupos e solistas).

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra