O desprezo polo galego de Naturgy destrúe o emprego de 400 persoas en Galiza

 

A Mesa solidarízase cos e coas traballadoras e anima a participar na concentración que terá lugar o 14 de novembro ás 11h diante de Naturgy na rúa Celso Emilio Ferreiro de Ourense.

A asociación do galego tamén recomenda contratar servizos de distribución coas dúas compañías que garanten atención en galego: Xenera e Nova Enerxía

 

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2019-. O servizo de atención ao cliente de Naturgy, tanto de luz como de gas, atendido por Unitono entre A Coruña e Ourense, xeraba até este verán arredor de 400 postos de traballo. Un ERE ameaza os empregos e a atención en galego nunha empresa que extrae en Galiza grande parte da súa produción eléctrica.

O persoal de Unitono foi informado por Naturgy da rescisión definitiva do contrato com Unitono o próximo 15 de novembro, o que afecta a 150 traballadores na Coruña e 130 en Ourense, ademais dos 90 xa despedidos. “Con este ERE desaparecerá a posibilidade de atención en galego dunha compañía que extrae grande parte dos seus lucros da súa actividade en Galiza”, sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira,

 

Ademais segundo indican as traballadoras e traballadores “este ERE responde a unha clara estratexia de deslocalización que pasa por desmantelar o centro de Galiza na busca de man de obra barata que non poderá prestar servizos en lingua galega”.

A Mesa pola Normalización denunciou reiteradamente a situación que se produce pola falta de garantías que permitan o uso do galego nas relacións económicas, ofrecendo alternativas legais que amparasen os dereitos lingüísticos e laborais como a Iniciativa Lexislativa Popular para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, rexeitada en 2016 polo Partido Popular no Parlamento tras xuntar os apoios de arredor de 30.000 galegas e galegos.

As grandes empresas de luz, auga, telefonía, banca, seguros e incluso a administración pública teñen subcontratados os servizos de atención ao público a través de empresas de centros de chamadas que exclúen sistematicamente o galego, o que agrava o proceso de deslocalización das empresas de teleatención cara terceiros países mentres 100.000 galegos e galegas foron obrigados a emigrar pola perda de emprego no noso país.

Segundo indicou o presidente da maior entidade en defensa do galego, Marcos Maceira, “ o desprezo pola lingua galega e pola clientela que quere empregalo con total liberdade ten un custe directo coa vulneración de dous dereitos fundamentais: o dereito a vivir en galego e a traballar con dignidade e Galiza”.

A Mesa lembra que neste momento hai dúas subministradoras de enerxía que permiten a utilización da lingua galega en todos os seus servizos: Nova Enerxía SCC e Xenera e anima a contratar con que si respecta aos e ás consumidoras.

Imaxe: concrntracón contra o ERE en EXTEl na Coruña. Outubro 2016.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra