O presidente e a vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira e Elsa Quintas, publican un ensaio no que analizan os impedimentos, coaccións ou condicionantes que obstaculizan o libre uso do galego en todos os ámbitos da vida pública ou privada. O libro leva por título Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua e está dispoñíbel nas librarías do país e nas páxinas web da Mesa e da editora, Laiovento.
O volume presentouse o pasado 25 de xullo no Festigal, coa participación dos autores, de Xela Armas e mais de Pilar García Negro, autora dun dos limiares do libro. García Negro asegura no seu texto, que abre o ensaio, que as persoas que se achegen a el “acharán unha cabal radiografía da situación, contexto e perspectivas de futuro da lingua galega”. E afirma que Liberdade para o galego é “moito máis do que un memorial de agravios”. “Contén unha outra sistemática propositiva”, remata, “a de oferecer alternativas certas, medidas posíbeis e factíbeis de planificación de usos do galego, gradual e persistentemente”.
Neste sentido, na presentación en Compostela, García Negro quixo salientar tamén “o papel salvífico da Mesa Pola Normalización Lingüística”, que, “ao longo das súas case catro décadas de existencia, non só se limitou a denunciar arreo a exclusión do galego, a práctica ilegal ou ante-legal das institucións que deberían practicalo e defendelo, senón que ofereceu adoito alternativas de uso”. “A Mesa é”, recalcou, “unha organización maior de idade, emancipada, que garante do presente e do futuro do galego, da súa boa saúde e liberdade”.
Elsa Quintas reflexionou, na súa intervención, no marco xurídico “desigual”, que “concede dereito de uso e deber de coñecemento universal para o español, pero non para o galego, ao que se lle recoñece o dereito de uso pero non o deber de coñecemento”. “A liberdade para o uso do noso idioma está condicionada a se manter sempre baixo a subordinación e secundarización respecto do español”, afirmou.
Neste sentido, Marcos Maceira recordou que existen compromisos adquiridos polo Estado e acordos alcanzados por todas as forzas políticas en Galiza para defender a nosa lingua. “Compromisos que non se están cumprindo”, denunciou, “tal e como se puido contrastar en cada un dos informes periódicos solicitados á Mesa pola Normalización Lingüística polo Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas ou, en 2019, do Relator especial da ONU para os dereitos da minorías, e que foron a base inicial deste ensaio”.