O Festival do Viño da Ribeira Sacra exclúe o galego

A Mesa pola Normalización Lingüística anima os consellos reguladores das DO de viños galegos a estenderen o uso do galego

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia a exclusión do galego no Festival do Viño da Ribeira Sacra organizado pola denominación de orixe Ribeira Sacra e o Concello de Monforte de Lemos e que conta co apoio da Xunta de Galiza e as Deputacións de Lugo e Ourense.

O Consello Regulador da DO Ribeira Sacra en colaboración co Concello de Monforte de Lemos, organizan por segundo ano consecutivo, o Festival do Viño da Ribeira Sacra, que terá lugar no paseo do Malecón de Monforte de Lemos, na beira do río Cabe, os días 6, 7, e 8 de xullo. O Festival ten o nome en galego mais a páxina web, o cartaz e a case totalidade das comunicacións están en castelán.

O Estatuto de autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego”, e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que «o galego, como lingua propia de Galiza, é lingua oficial das institucións da comunidade autónoma, da súa administración, da administración local e das entidades públicas dependentes da comunidade autónoma ».

Do mesmo xeito, empregando só o castelán están a incumprir o apartado c) do artigo 13 da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias no que se rexeitan as prácticas que tendan a desmotivar o uso das linguas rexionais ou minoritarias na marco das actividades económicas ou sociais.

Desde a Mesa lémbranlle á Xunta de Galiza, ás Deputacións de Lugo e Ourense e ao Concello de Monforte de Lemos a obriga de promoveren a lingua galega e exixírenlles ao consello regulador da DO da Ribeira Sacra que non exclúa o galego do Festival do Viño da Ribeira Sacra.

A Mesa pola Normalización Lingüística a través dun escrito dirixirase aos consellos reguladores das denominacións de orixe dos viños galegos para animalos a estenderen o uso do galego na documentación, redes sociais, publicidade, actas, reunións…

As adegas que etiquetan en galego, moitas delas da Ribeira Sacra, xeran valor engadido aos produtos, pois o uso da lingua galega é un factor positivo para diferénciarse no mercado e tamén para marcaren a calidade e a orixe do viño.

Por outra banda os consellos reguladores deben ter en conta os dereitos das persoas consumidoras, atendendo á Lei 2/2012 de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias recolle o dereito a recibir e ter produtos etiquetados na súa lingua, así como tamén os poderes públicos deberán incentivar o uso do galego neste ámbito. Neste sentido cómpre lembrar como a Mesa desenvolveu unha exitosa campaña social mediante unha iniciativa lexislativa popular para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico e que tivo un respaldo social moi importante con preto de 30.000 sinaturas e apoio de institucións e entidades.

Unha análise do uso que os consellos reguladores das cinco denominacións de orixe de viños galegos fan do galego nas súas páxinas web mostra que queda moito para a normalización do galego. Nesta análise só se contemplan as DO de viños, omitindo as indicacións xeográficas protexidas por careceren estas de páxinas web “oficiais”.

  • Denominación de orixe Monterrei
    Esta DO exclúe o galego totalmente. É a única que a súa páxina web, http://www.domonterrei.com/, só se ofrece en castelán.

 

 

 

 

 

 

 

 

  • Denominación de orixe Rias Baixas
    A súa páxina web https://doriasbaixas.com/gl ofrécese en tres idiomas: Inglés, castelán e galego.
    O nome de referencia, que empregan nas tres versións e nos seus actos privados e públicos, está só en castelán: “
    Denominación de Origen Rías Baixas. Consejo Regulador”.
    Ultimamente avanzou no uso do galego xa que a web ofrece os mesmos contidos en galego que en castelán, e incluso datos estatísticos ofrécense nos dous idiomas (cousa que até non hai moito non acontecía).

    Na actualidade ofrecen na páxina web a mesma información na versión castelá como na galega, e respectan o idioma nesta sen mesturar documentos/contidos en castelán (como é o caso das “Novas” que aparecen en galego). O galego fica excluído na páxina web no enderezo electrónico consejo@doriasbaixas.eu , ou na ficha de cata: “ficha-cata-gallego.pdf

 

 

  • Denominación de orixe Ribeira Sacra
    A páxina inicial,http://www.ribeirasacra.org/ , está en castelán coa mensaxe de que é un acceso a unha versión en proba. Ofrécese a posibilidade de acceder a tres portais: a) Portal vino, b) portal turismo, e c) portal ruta vino.
    A páxina da DO sería o “Portal Vino”, que se ofrece en tres idiomas: inglés, castelán e galego. (
    http://ribeirasacra.org/portada/es )
    Ao entrarmos na opción de galego co que nos atopamos é un vídeo rotulado en castelán, e unha mensaxe de cookies, tamén en castelán.
    Os distintos apartados respectan o galego, salvo no apartado “Novas” que xa empeza coa mestura, e no de “Documentación”, onde queda claro que o idioma “oficial” da DO é o castelán, xa que os Procedementos internos están só en castelán, e só se publica en galego o que se baixa do DOG.

 

  • Denominación de orixe Ribeiro
    A súa páxina web https://www.ribeiro.wine/gl/ ofrécese en tres idiomas: Inglés, castelán e galego.
    Só a categoría “Denominación de Orixe” aparece maioritariamente en galego xa que a pesar de que poñen unha cita de Castelao, hai apartados que seguen a verse en castelán na versión galega. Ex.: a información sobre emprego de cookies.
    As outras categorías “Movemento Ribeiro”, “Comunicación” e Área privada” levan á súa versión en castelán. Hai unha mestura indiscriminada dos idiomas, e unha clara predominancia do castelán.

 

 

  • Denominación de orixe Valdeorras
    A súa páxina web http://www.dovaldeorras.tv/gl/ ofrécese en tres idiomas: Inglés, castelán e galego.
    As distintas categorías en que está organizada respectan o uso do galego a excepción das fichas das uvas (Consello Regulador/Uvas/….)

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra