O galego desaparecido do Vigo SeaFest

O Vigo SeaFest-Festival ARVI do Peixe celebra este ano a súa segunda edición na cidade de Vigo e, desde a Mesa pola Normalización Lingüística, lamentamos que o galego fique desaparecido de todo o festival gastronómico, musical e industrial.

O Vigo SeaFest-Festival ARVI do Peixe é un evento que reúne diversos grupos musicais, industria pesqueira e conserveira así como a cociñeiros e cociñeiras galegas que desenvolven mostras de cociña durante os catro días do festival. Malia que o evento se desenvolve en Galiza, ten achegas de cartos públicos e nel participan empresas e profesionais de galegas e galegos, a lingua propia do país fica excluída da programación, comunicación, web, redes sociais e actividades.

Cómpre lembrar que este evento conta con financiamento público polo que se estaría a incumprir o Estatuto de autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego”, e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que «o galego, como lingua propia de Galiza, é lingua oficial das institucións da comunidade autónoma, da súa administración, da administración local e das entidades públicas dependentes da comunidade autónoma».

Do mesmo xeito, empregando só o castelán están a incumprir o apartado c) do artigo 13 da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias no que se rexeitan as prácticas que tendan a desmotivar o uso das linguas rexionais ou minoritarias na marco das actividades económicas ou sociais.

Por outra banda, a organización do Vigo SeaFest debe ter en conta os dereitos das persoas consumidoras, atendendo á Lei 2/2012 de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias recolle o dereito a recibir e ter produtos etiquetados na súa lingua, así como tamén os poderes públicos deberán incentivar o uso do galego neste ámbito. Neste sentido cómpre lembrar como a Mesa desenvolveu unha exitosa campaña social mediante unha iniciativa lexislativa popular para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico e que tivo un respaldo social moi importante con preto de 30.000 sinaturas e apoio de institucións e entidades.

Desde a Mesa lémbralles ás administracións públicas -Xunta de Galiza, Deputación de Pontevedra e Concello de Vigo- a obriga de promoveren a lingua galega e animan á organización do Vigo SeaFest-Festival ARVi do Peixe a non excluír o galego, pois empregando a lingua propia, confíreselle unha entidade propia aos produtos galegos, identificándoos como produtos de calidade e xerando un valor engadido.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra