A Delegación Provincial do INE en Pontevedra chamou un hostaleiro para lle dicir que deixe de solicitar os cuestionarios de ocupación en galego, porque “por moito que os pida agora só se fan en castelán”
Marcos Maceira: “Son escandalosos os pasos atrás que está a dar a Administración en relación co respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía, que en ningún caso responden a criterios de aforro económico senón a unha clara vontade política de esmagar calquera lingua que non sexa o español”
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2014.- A Mesa pola Normalización Lingüística fixo pública esta mañá un novo caso de discriminación lingüística por parte da Administración Xeral do Estado, concretamente do Instituto Nacional de Estatística.
Segundo a denuncia que lle trasladou á Mesa un hostaleiro a través da Liña do Galego, o INE négase a lle facilitar os cuestionarios sobre Ocupación en Aloxamentos Turísticos en galego, malia indicar que están dispoñíbeis nas diferentes linguas cooficiais.
Os estabelecementos hoteleiros están obrigados a lle facilitar ao Instituto Nacional de Estatística, a través das Delegacións Provincias, datos sobre as visitas que reciben a través dunha Enquisa de Ocupación en Aloxamentos Turísticos de obrigada cumprimentación periódica.
Nestes cuestionarios hai unha nota que sinala literalmente “Este custionario está disponible en las distintas lenguas cooficiales de las comunidades autónomas”. Porén, o INE distribúe os cuestionarios unicamente en castelán, ante o que o hostaleiro cada vez que o tiña que cubrir sinalaba no apartado de observacións o seu desexo de os recibir na súa lingua, o galego. O INE nunca atendeu esta petición, porén ante a insistencia do hostaleiro a pasada semana a Delegación Provincial do INE en Pontevedra chamouno por teléfono para lle indicar que aínda que seguise a pedir estes cuestionarios en galego non llos ían enviar, porque “agora só se fan en castelán”, feito que na Delegación Provincial xustificaron como unha medida de aforro “por mor dos recortes”.
Marcos Maceira, presidente da Mesa, ironizou sobre “cal será o tipo de tinta que empregan no INE para que resulte máis caro imprimir os cuestionarios en galego que en castelán…”. Neste sentido, o presidente da Mesa salientou que non estamos ante medidas de aforro económico senón ante unha clara política lingüística en contra do galego por parte das diferentes Administracións controladas polo Partido Popular: “Nos últimos anos houbo pasos atrás evidentes e escandalosos no respecto aos dereitos lingüísticos nas distintas Administracións do Estado, como no caso que hoxe denunciamos, moitas administracións retiraron da circulación impresos e modelos de escritos que se empregaban en galego con normalidade até hai uns anos e que hoxe só están dispoñibeis en español, co claro obxectivo de facer da oficialidade do galego papel mollado” sinalou Maceira.
Desde A Mesa lembran que neste tipo de situacións é fundamental que a cidadanía faga valer os seus dereitos e denuncie calquera traba que a Administración invente para lle impedir desenvolver a súa vida normalmente en galego.