O me habla castellano o no continuamos la conversación: A Mesa presenta a memoria 2015 da Liña do Galego 2015

A Mesa tramitou 156 queixas por vulneración de dereitos lingüísticos pola administracións públicas, entidades e empresas de diferente sectores públicas e privadas

Marcos Maceira: “O cliente sempre ten a razón agás se falar galego. É hora de que Xunta e goberno central deixen de ser cómplices e actúen para defender ás persoas que queremos falar no noso propio país”

Liña do galego en pdf

Santiago de Compostela-. 14 de decembro de 2015. A Mesa pola Normalización Lingüística presentou hoxe a Memoria de actuacións da Liña do Galego (linhadogalego@amesa.gal), un servizo gratuíto, telefónico e na rede, ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística e dirixido a toda a poboación, que atende consultas sobre dereitos lingüísticos e tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que os vulneran; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantir o dereito a vivir en galego.

Na memoria presentada hoxe pola Secretaria Xeral da Mesa, Susana Méndez, e o seu presidente, Marcos Maceira, obsérvase como a maioría das queixas recibidas pola cidadanía son referidas á atención oral ou escrita (33%), onde as e os usuarios se viron discriminados e denunciaron a vulneración dos seus dereitos lingüísticos.

A administración pública á cabeza das queixas

Gráfica administraciónsSegundo sinala a Mesa pola Normalización Lingüística na memoria, o máis significativo da descomposición das queixas segundo as entidades que se vían implicadas é que máis da metade, un 51%, refírense á administración pública, tanto estatal como autonómica e local. Este dato móstranos que en xeral é no ámbito da administración onde o cidadán é máis consciente da existencia dunha normativa que ampara os seus dereitos lingüísticos, polo que tolera menos a súa vulneración, mais tamén o alto grao de vulneración destes dereitos por quen ten a obriga legal de velar por eles.

É curiosamente a Administración Autonómica na que recaen a meirande parte das queixas recibidas na Liña do Galego ao longo deste 2015, cun 52% das queixas referidas á Administración. A Administración Xeral do Estado e a Local acadan un 27 e un 21% respectivamente.

Este dato é máis unha evidencia dos pasos atrás que o Goberno da Xunta está a dar nos últimos anos en relación ao impulso do uso do galego na administración e nos respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía.

 

Empresa privada: en galego non atenden

A actitude dos poderes públicos ampara e anima os comportamentos contra o galego de entidades privadas ante as que as consumidoras e os consumidores fican absolutamente desprotexidos.Gráfica empresas

A negativa sistemática a ofrecer atención en galego vulnera gravemente o dereito ao uso da lingua propia, convertido na realidade en obriga, en deber da usuaria ou usuario de renunciar a utilizala cando nos diriximos á administración ou a empresas que emprestan un servizo, nalgúns casos con coaccións evidentes por parte destas, que non satisfeitas con non ofertar a posibilidade de utilización da nosa lingua, permítense utilizar frases (que reproducimos pola súa frecuencia) como: o me habla castellano  o no continuamos la conversación; esto es España y tiene que hablar español, por non citar outros maltratos por reclamar atención en galego como obrigar a que a propia usuaria ou usuario reelabore formularios só dispoñíbeis en castelán, ou considerar a reclamación de procedementos en galego como obstrución, como no procedemento de sanción que a Axencia Tributaria ten aberto contra a propia Mesa

Para a Mesa, as escasas disposicións que amparan o galego non se cumpren e vulnéranse con total impunidade, o que segundo Marcos Maceira, “contrasta co cumprimento rigoroso das 500 disposicións que obrigan ao uso do español, nalgún caso mesmo contra outras linguas oficiais”, que tamén indicou que “a igualdade das linguas tan proclamada non é real se a posibilidade de uso destas linguas non ten iguais dereitos e iguais deberes”.

A “normalidade das agresións lingüísticas”

Segundo sinalou o presidente da Mesa, “acabar con este estado de normalidade das agresións lingüísticas está na nosa man”. Para iso “cómpre facer visíbel a realidade, denunciar quen nos nega a posibilidade de utilizar a nosa lingua no noso propio país”, como primeiro paso para “reclamar que o dereito a utilizarmos o galego sexa plenamente respectado dándonos sempre esa opción”. Susana Méndez, Secretaria Xeral da Mesa, animou ao conxunto da sociedade galega a utilizar as liñas abertas pola Mesa: 981 56 38 85 ou linhadogalego@amesa.gal

Ante a ausencia de accións específicas da administración pública para que o galego estea presente Maceira sinalou a necesidade da activación da sociedade civil na reposición e normalización da lingua galega, exixindo dos diferentes gobernos que cumpran cos seus compromisos cara ao galego, actuando directamente para combater casos como os sinalados. Indicou tamén como mecanismo efectivo “o dirixírmonos directamente por diferentes vías (redes sociais, correo electrónico, postal, teléfono…) ás empresas para que muden a actitude e facer ver que somos moitas as persoas que reclamamos visibilidade e espazos de uso para o galego é unha delas.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra