O Ministerio para a Transición Ecolóxica prioriza o desprezo polo galego ao aforro enerxético

O Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía do goberno español exíxelle ao Concello de San Xoán de Río (en Ourense) que traduza ao castelán a documentación presentada para optar a unha subvención, tal e como xa fixera o 2016 con Teo, Compostela e Santa Comba

A entidade en defensa da lingua denunciará perante o Consello de Europa a vulneración reiterada da Carta Europea das Linguas por parte do goberno español e pide o posicionamento claro e rotundo do presidente da Xunta, “defendendo a dignidade colectiva do pobo galego e o dereito a usar a nosa lingua”

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2020.- O Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE) do goberno español exíxelle ao Concello de San Xoán de Río -na comarca de Terra de Trives- que traduza ao castelán parte da documentación oficial presentada se quere ter opcións de recibir unha subvención para renovar o alumeado municipal por luces led de baixo consumo, priorizando o seu desprezo polo galego ao aforro enerxético. Este desprezo chega até o punto de que o organismo -adscrito ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico- lles pide aos responsables municipais que muden o topónimo oficial de San Xoán de Río e Ourense polas formas deturpadas San Juan de Río e Orense.

O escrito que o IDAE quere recibir traducido é a certificación do acordo plenario exixida para optar ao programa de axudas para a renovación das instalacións do alumeado exterior municipal. Porén, segundo declarou a Nós Diario o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua: “O pleno faise en galego e así llo trasladamos ao IDAE”. Segundo recolle o xornal galego e confirmou a Liña do Galego, o Goberno local e a secretaria do Concello teñen previsto estudar hoxe mesmo a solicitude de rectificación do IDAE para manter as súas opcións de acceder a perto de 900.000 euros en axudas para a remuda do alumeado actual.

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciará perante o Consello de Europa a vulneración reiterada da Carta Europea das Linguas por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica. “Non é a primeira vez que o IDAE deixa ‘sen luz’ miles de veciñas porque a Administración local usa a súa lingua oficial”, recorda o presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira. Sucedeu en 2016. Negoulles unha axuda aos Concellos de Teo, Compostela e Santa Comba ao incluíren un documento da solicitude en galego. “O Goberno ten que actuar e eliminar as persoas galegófobas da Administración, ademais de condenar un xesto de desprezo, coacción e chantaxe”, di o presidente da Mesa, que pide que o presidente da Xunta se posicione clara e rotundamente na defensa da “dignidade colectiva do pobo galego e o dereito a usar a nosa lingua, tamén na administración municipal”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra