PARLAMENTO EUROPEO / O Parlamento Europeo a favor da Iniciativa Xabarín

O seu relatorio de aplicación da directiva europea do audiovisual destaca “a importancia de facilitar a acesibilidade en todas as linguas do territorio onde se presta o servizo”, tal e como solicitaran a Mesa e as entidades do sector audiovisual galego hai uns días.

O Parlamento Europeo vén de votar, esta mesma mañá, un informe para a implantación da Directiva do audiovisual no que destaca “a importancia de facilitar a acesibilidade (dobraxe, lexendas, audiodescricións ou outros elementos) en todas as linguas do territorio onde o servizo de comunicación social audiovisual é prestado”. Tamén recorda que “é fundamental designar, sen demora inxustificada, un ponto de contacto em liña facilmente acesíbel e disponíbel ao público en todos os Estados Membros” e reclámalle á Comisión máis esforzos para divulgar obras europeas que representen toda a diversidade lingüística europea, tendo em conta as linguas oficiais e as linguas rexionais e minorizadas.

Este posicionamento tómase días despois da comparecencia do presidente da Mesa, Marcos Maceira, do vicepresidente de AGAPI, Xosé Lois Ledo, e da profesora Soliña Barreiro, do Grupo de Estudos audiovisuais da USC, no intergrupo de linguas do Parlamento europeo, cun enorme interese por parte de deputados de todos os grupos e diversas nacionalidades.

Para unha valoración máis ampla das consecuencias e da importancia deste informe do Parlamento Europeo, mañá mércores 11 de maio ás 11h representantes da Mesa e doutras entidades do sector presentes na Iniciativa polo galego no audiovisual ofrecerán unha rolda de imprensa na aula 5 da faculdade de comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra