O Partido Popular vén de vetar a comparecencia do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, no Parlamento galego, en representación dos colectivos da comunidade educativa que elaboraron a Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza.
A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), Nova Escola Galega (NEG), Confederación de Anpas Galegas, Confederación Intersindical Galega – ensino (CIG Ensino), Confederación Sindical Independente de Funcionarios- Ensino (CSIF- Ensino) e Sindicato de Traballadores/as do Ensino de Galiza (STEG), promotoras da proposta, insisten na conveniencia de aproveitar a oportunidade que supón a aprobación dunha nova lei educativa para introducir as mudanzas precisas para criar conxuntamente un novo marco para a normalización da lingua galega no ensino, tal e como foi requirido polo Consello de Europa e como demanda a sociedade galega.
“Cómpre un debate amplo, plural e sen exclusións como o iniciado coa proposta conxunta presentada ao goberno pola comunidade educativa”, recorda Maceira. “Por qué antepón o PP o medo a debater e escoitar unha proposta da sociedade sobre o galego ao regulamento do Parlamento galego?”, pregúntase o presidente da entidade de defensa da lingua. “As entidades promotoras levan desde outubro esperando seren recibidas polo Conselleiro de Educación para exporlle a proposta”, remata, “o veto non pode ser a única resposta a única proposta alternativa para a situación”.