Marcos Maceira asegurou que a declaración de oficialidade do galego está moi lonxe de ser plenamente real.
Maceira fai tamén un chamado ao goberno galego para que mude a actitude en relación ao idioma.
O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, participou este xoves, 15 de decembro, nun coloquio no Foro Europeo da Diversidade Lingüística en Donosti. O coloquio foi presentado polo Secretario Xeral de Kontseilua (Consello dos organismos sociais do eúscaro), Paul Bilbao. Neste coloquio, que leva por título O protocolo para a garantía dos dereitos lingüísticos, o que é? De onde vimos? Onde imos?, participaron tamén representantes de Hizkuntz Eskubideen Behatokia (Euskal Herría) e Conradh na Gaelgie (Irlanda).
No coloquio preguntóuselle a razón pola que, sendo o galego unha lingua oficial en toda Galiza, os axentes sociais que traballan pola normalización da lingua galega participaron activamente na elaboración do Protocolo. Marcos Maceira asegurou que a declaración de oficialidade do galego está moi lonxe de ser plenamente real. Actualmente, resulta imposíbel que unha persoa poida facer a súa vida normal no seu idioma e, a nivel oficial, non se actúa para corrixir as limitacións históricas impostas desde fóra senón que atopámonos cun goberno galego que destaca por abandeirar a persecución da lingua galega. O Presidente da Mesa, di que “todos os avances para a lingua galega, incluída a oficialidade por precaria que for, foron conquistas sociais, éxitos da mobilización e do activismo a favor da lingua galega, a cal sufriu sancións gobernativas, despedimentos e outros ataques máis ou menos explícitos.
Por último, pregúntaselle que vai facer A Mesa co Protocolo e Maceira di que “en primeiro lugar publicalo e achegalo a todas as entidades sociais galegas para que continúen adheríndose e que coa súa implicación activa se impulse o seu cumprimento pola administración pública”. Tamén se lles presentará as principais institucións galegas en todos os ámbitos (institucións académicas, órganos consultivos, concellos, parlamento, goberno galego…) para que se comprometan co seu contido e coas medidas que establece, porque “Galiza non pode ficar atrás no novo impulso internacional que representa o Protocolo”.
A Mesa continuará a animar a todas as entidades sociais para que no seu ámbito de actuación se cumpra. Marcos Maceira di que “se queremos que teña efectos visíbeis e audíbeis a sociedade organizada ten que ser a que asuma o protagonismo aguilloando o poder político”. O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística remata dicindo que “somos conscientes de que é un camiño longo mais tamén de que nos vai conducir a unha sociedade máis democrática e máis avanzada socialmente, que terminará cunha das últimas formas de racismo e de vulneración dun dereito básico, o de expresarse na súa lingua”.