A Mesa pola Normalización Lingüística

O presidente de sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña di non coñecer precedentes do interrogatorio a que foi sometido Carlos Callón a semana pasada

O maxistrado Ángel Judel declarou na Ser que “as sentenzas absolutorias que se basean en probas persoais (como foi neste caso, en que a acusación particular repetiu o interrogatorio contra o presidente da Mesa) son practicamente irrecorríbeis, segundo o Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo”.

A Mesa considera motivo de “alerta social” que se poidan producir “procedementos xudiciais extraordinarios contra persoas que o único que fixeron foi declarar en público a súa defensa da Lei de normalización lingüística”.

O maxistrado presidente da sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, Ángel Judel, declarou en Radio Coruña – Ser que non coñece precedentes do interrogatorio a que foi sometido Carlos Callón a semana pasada. A Mesa pola Normalización Lingüística xa denunciara que o procedemento se estaba a levar “de forma insólita, mesmo a nivel de Estado” e que “sería difícil imaxinar unha situación semellante se o denunciante non fose tamén un xuíz e se a lingua galega non se encontrase nunha situación de tal desprotección institucional”. “O proceso xa foi insólito desde o comezo, en que houbo caso a pesar de que estaban en contra a Fiscalía e a xuíza de Instrución, até o final, en que se abren vías descoñecidas na xurisprudencia de todo o Estado”, asegura a maior asociación cultural de Galiza.

Judel expuxo tamén que a doutrina do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo é que as sentenzas absolutorias baseadas en probas persoais (como foi este caso, pois repetiuse o interrogatorio contra Carlos Callón) sexan “practicamente irrecorríbeis”, tal e como manifestaron tamén diversos xuristas. Estas declaracións pódense escoitar arredor do minuto 15 da segunda parte do programa “El Coruñés Opina”: http://radiocoruna.com/el-corunes-opina/gmx-niv17.htm

A Mesa pola Normalización Lingüística considera que é motivo de “alerta social” que se poidan abrir “procedementos xudiciais extraordinarios como os que estamos a ver contra Callón” a pesar de non existir xurisprudencia que os avale. “Hai que recordar que este vía crucis xudicial se está a producir porque un xuíz que non cumpre coa Lei de normalización lingüística denunciou a un cidadán que lle reclamou que cumprise coas súas obrigas como xuíz”, subliñan desde a organización, que inclúe este tema entre os motivos da mobilización que van realizar o vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela.


A liberdade de expresión e a defensa da Lei

O proceso, que comezou hai cinco anos, desencadeouse despois de que o xuíz Antonio Fraga Mandián afirmase en sede xudicial que “no tengo ningún rubor en usar La Coruña” nos documentos oficiais. Tales manifestacións, que saíron en múltiplos medios de comunicación, recibiron a crítica do presidente da Mesa, xa que a Lei de normalización lingüística estipula que a única forma oficial dos topónimos galegos é a galega, e é obriga dos xuíces cumprir e facer cumprir a Lei. “Para máis inri, esas declaracións producíronse no marco doutra denuncia deste xuíz contra un veciño que solicitara recibir a información en galego”, lembran desde A Mesa, onde ven “con máxima preocupación a criminalización do uso e defensa do noso idioma”.

Callón foi absolto en xaneiro deste ano 2013 do cargo de inxurias contra o ex xuíz decano da Coruña, quen reclamaba unha indemnización de 15.000 euros. Na sentenza tamén se recordaba toda a lexislación que recoñece A Coruña como o único topónimo oficial, e sinalábase que é normal e lexítimo que as moi desafortunadas declaracións de Fraga Mandián fosen obxecto de crítica pública, como a realizada polo presidente da Mesa, e que tal crítica estaba amparada pola liberdade de expresión.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra