O SERGAS exclúe o galego das súas comunicacións coa cidadanía

A consellaría de Saúde da Xunta exclúe e despreza o galego desde os tres perfís que posúe nas redes sociais.

Marcos Maceira “O Sergas esquece que o galego existe e lles dá nome”

“Este desprezo ao galego ten responsábeis e deben ser cesados”

Santiago de Compostela, 03/06/2016-. A Mesa pola Normalización Lingüística continúa a denunciar a exclusión e desprezo que o Servizo Galego de Saúde amosa cara a lingua galega.

En ningún dos tres perfís que posúen nas redes sociais (@avalia_t;@esaude_sergas; @EscolaSaude) fan uso do galego, a pesar das reclamacións que os propios usuarios lle fan para lles lembrar que o galego existe e debe estar presente no seu día a día e nas comunicacións dun servizo do que fan uso todas as galegas e galegos.

Unha vez máis a Consellaría de Sanidade esquece o artigo 5.3 do Estatuto de Galiza que indica que as institucións “potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento”.

Esta actitude por parte da Consellaría de Sanidade non é nova, a Mesa Pola Normalización Lingüística xa viña de denunciar hai escasos días recomendou non usar do galego nos exames da Oferta Pública de Emprego do Servizo Galego de Saúde que tiveron lugar a pasada fin de semana.

Na folla de instrucións ficaba claro como para o Sergas e a Xunta de Galiza o galego non é máis que un adorno. Din textualmente que “ En caso de erro tipográfico ou de transcrición do texto editado en galego e o editado en castelán, do cuestionario bilingüe, prevalece este último aos únicos efectos da súa comprensión lóxica, sen prexuízo das aclaracións vinculantes que de viva voz poida advertir o tribunal durante a realización da proba.”

Así mesmo, o Centro de Transfusións de Galicia mantén unha actitude semellante á do Sergas,  excluíndo ao galego nas notificacións que lles envía aos cidadáns e cidadás que fan uso deste servizo.

A Mesa pola Normalización Lingüística trasladou e enviou a súa a queixa e petición de responsabilidades á Valedora do Pobo, á Consellaría de Sanidade e á dirección do Sergas, e reclamou unha actuación inmediata da Secretaría Xeral de Política Lingüística e ao propio presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixó.

A MESA recoméndalle ao Sergas facer uso do galego xa que “utilizalo é sinxelo e saudábel” e anima a todas as cidadás e cidadáns a facer uso nas redes sociais do hashtag #OGalegoÉSaúde.

IMG-20160603-WA0024

 

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra