O suplemento Somos Galego xa está nos quioscos

Cada dous meses A Mesa pola Normalización Lingüística colabora con Sermos Galiza cun suplemento que pon ao día as novas sobre lingua galega.

O pasado 5 de xaneiro saíu o novo suplemento de Somos Galego co semanario Sermos Galiza. Neste suplemento, pódese atopar as últimas novas da Mesa respecto a nosa lingua. Neste número dez, atópase toda a información sobre as reunión da Mesa cos grupos parlamentares e as mobilizacións e denuncias que fixo xunto coa CIG-Ensino por mor da implantación da LOMCE.

Ademais, pódese atopar, como cada número, a colaboración do catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa, Xosé Ramón Freixeiro Mato, que fala sobre o bo uso do xerundio na nosa fala.

De maneira máis extensa, preséntase unha reportaxe sobre a intervención do presidente da Mesa, Marcos Maceira, na presentación do Protocolo de Donostia que tivo lugar os días 15, 16 e 17 de decembro do pasado ano. Infórmase das intervencións de Pilar García Negro e de todo o que alí aconteceu durante esa data e, seguindo esa temática, o suplemento remata cunha entrevista feita a García Negro que fala sobre a súa visión do futuro do galego e da posta en marcha do Protocolo.

Para poder descargar o pdf  das publicacións anteriores: https://www.amesa.gal/que-facemos/informes-e-publicacions/somos-galego

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra