O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ordena á Xunta a execución forzosa “no prazo dun mes” da sentenza contra o decreto do plurilingüismo

A CIG-Ensino e A Mesa pola Normalización Lingüística fixeron público o auto en que o TSXG advirte que a Xunta pode incorrer en responsabilidades penais.

Estase aínda á agarda da solicitude de execución que, ademais da CIG e da Mesa, tamén presentou a plataforma Queremos Galego.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ordenarlle á Xunta de Galiza a execución forzosa da sentenza que declarou ilegais varios artigos do Decreto do Plurilingüismo, entre os que figuraba a realización dunha enquisa ás familias para fixar a lingua vehicular no ensino infantil. O TSXG dálle á Xunta un mes de prazo para que execute a sentenza e advírtelle que súa desobediencia pode comportar responsabilidades penais.

 

Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, declarou a súa “felicidade e alegría por este auto, a pesar de termos un goberno que teima en incumprir a lexislación cunha actitude chulescamente ilegal e canallescamente incívica”.

 

Callón dixo que, despois dos pronunciamentos do TSXG, que “matan o núcleo do decreto”,  ao PP non lle queda máis alternativa que elaborar unha nova normativa que cumpra coa Lei de Normalización Lingüística e co Estatuto de Autonomía e que permita que os nenos e nenas rematen a etapa de educación infantil con competencia na nosa lingua. “Estanse a rir de nós cando din que non fan unha consulta, que o que fan é un inquérito, do cal ademais non sabemos nin sequera o resultado”, dixo.

 

Estes pronunciamentos, explicou Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, “dannos forza para seguir traballando e conseguir a súa derrogación”. “O auto”, dixo,  “pon de manifesto que o Goberno galego incumpre sistematicamente as resolucións xudiciais e continúa empeñado en castigar e perseguir o idioma -para que deixe de ser unha lingua de uso e pase a ser unha unha lingua de segunda, de andar pola casa, de museo”. “Non cabe outra posición mais que elaborar unha nova norma que parta do consenso acadado no ano 2004”, advertiu.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra