O uso do galego fica excluído do proxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galiza

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2025.- A Xunta de Galiza exclúe o galego da lexislación galega de intelixencia artificial, ao non contemplar en ningún momento a posibilidade de que a IA use a nosa lingua. O proxecto de lei presentado polo goberno ao Parlamento galego establece un marco para o deseño, adquisición e uso da intelixencia artificial na administración galega e no seu sector público e regula o réxime xurídico para o seu uso e e para as súas relacións coa cidadanía, empresas e entidades e outras administracións. E faino sen ter en conta nin a existencia da lingua galega nin a posibilidade de que os sistemas de IA a usen na interacción entre a administración e a cidadanía.

A pesar de sinalar que se respectarán todos os dereitos recoñecidos ou atribuídos á cidadanía, ningún dos dereitos que se enumeran no proxecto garda relación co dereito ao uso da lingua propia ou coa garantía deste dereito facilitando a súa presenza e disposición nos sistemas de IA. Neste sentido, o proxecto de lei nen se molesta en adaptar ás necesidades de Galiza a lei europea de IA que si fai mención ao uso das linguas oficiais dos Estados. Tampouco atende, no aspecto lingüístico, á Recomendación sobre a Ética da Intelixencia artificial da UNESCO malia declarar no preámbulo que este documento foi tomado en consideración.


O proxecto de lei enmárcase no “exercicio as competencias autonómicas en materia de organización das institucións de autogoberno” e, no artigo 2, fai mención á finalidade de garantir a presenza do galego nesta tecnoloxía, pero esta é a única referencia á existencia do galego en todo o texto. Esta finalidade non se desenvolve, nin como principio, nin como dereito, nin en ningunhas das opcións que contempla en relación ao seu uso ou presenza presente e futura tanto para a propia administración como na súa compra, participación en proxectos de desenvolvemento ou códigos de autorregulación. Deste xeito, a propia Xunta desincentiva a posibilidade de que nun futuro inmediato programas como Siri, Alexa ou de IA para uso administrativo poidan ser empregados totalmente en galego.

Valoración da Mesa
Para a Mesa pola Normalización Lingüística a situación é insostíbel. A entidade de defensa da lingua e dos dereitos lingüísticos da cidadanía galega considera “rechamante” que, no actual contexto de emerxencia lingüística extrema, a Xunta nin sequera contemple actuar dentro do que o proxecto de lei denomina “medidas para o impulso da intelixencia artificial en Galiza”, onde si se introducen incentivos fiscais e investimento público mais sen previsión de retorno no aspecto lingüístico.

“Parece que para a Xunta non é suficiente a exclusión do galego en todos os ámbitos e concretamente no ámbito dixital e das novas tecnoloxías”, lamenta o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “que aínda pretende aprobar una lei que dun xeito escandaloso incide nesa exclusión mesmo obviando a súa existencia”. “En que pode mellorar a atención á cidadanía galega una lei que nin contempla a existencia da lingua propia de Galiza nin medidas para poder usala?”, pregúntase o responsábel da Mesa.

“Que en plena emerxencia lingüística”, abunda Maceira, “cun datos de uso e descoñecemento de galego inéditos na historia de Galiza, a Xunta se permita elaborar unha lei que non contempla a posibilidade de adquisión, elaboración, medidas ou planificación de programas de intelixencia artificial en galego é indicativa das súas intencións”.

“Este proxecto de lei engádese ás accións que está a promover a Xunta en relación coa posibilidade de deixar de usar o galego na CRTVG, a supresión do requisito de coñecemento de galego  para funcionariado interino, as votacións no Parlamento contra o PXNLG ou contra a oficialidade na UE”, denuncia o responsable da entidade de defensa da lingua. “Esta actitude supón na práctica a renuncia á reactivación do PXNLG e a calquera acordo para un calendario inmediato e efectivo”, engade. “O PP está revirando as competencias autonómicas para atacar e inutilizar a oficialidade do noso idioma”, afirma. “É perverso pretender dar imaxe de preocupación polo estado do galego ao tempo que se nega por acción ou omisión a posibilidade de uso”, sentencia Maceira.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra