A Mesa pola Normalización Lingüística

O Valedor do Pobo reúnese mañá co presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

José Julio Fernández solicitou unha reunión con Carlos Callón para valorar a situación do idioma galego.

A Mesa alerta da “cada vez máis acentuada vulneración do dereito a vivir en galego”.

Mañá ás 12.30 da mañá manterán unha entrevista na sede do Valedor do Pobo o actual Alto Comisionado, José Julio Fernández, e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón. O encontro prodúcese por un convite realizado polo Valedor ao representante da maior asociación cultural de Galiza para coñecer as súas opinións sobre a situación do idioma galego.

 

A Mesa pola Normalización Lingüística, que mantivo “profundas desavinzas” coa actitude cara ao galego do anterior Valedor do Pobo, achegará “tanto datos propios como de organismos oficiais como o Consello de Europa” sobre a “preocupante e cada vez máis acentuada vulneración dos dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos”.

 

Carlos Callón exporá, así, que “o 96% das escolas infantís das nosas cidades non impartiron nada en galego no curso escolar que agora está a finalizar”, o cal supón “darlle ao galego un tratamento de lingua non oficial”, ademais de “vulnerar mesmo tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos, como a Carta Europea das Linguas”.

 

A ese respecto, o presidente da Mesa tratará co Valedor do Pobo o último relatorio emitido polo Consello de Europa sobre a situación lingüística en Galiza “que demostra con contundencia que a Xunta e o Goberno español están a pór paus nas rodas á posibilidade da revitalización do galego” e que “hoxe é máis difícil vivir en galego que hai cinco ou seis anos”.

 

Os outros dous temas que levará Carlos Callón á reunión son a “nula dilixencia da Xunta en responder ás queixas sobre dereitos lingüísticos que lles remitimos desde A Mesa, que reciben os nosos exemplos de vulneración da lexislación que protexe o galego como quen ouve chover” e o “problema da ausencia de sinalizacións públicas no noso idioma en autoestradas, estradas, comisarías da Policía Nacional, cuarteis da Garda Civil, hospitais, delegacións da Axencia Tributaria, etc”.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra