O xulgado central do contencioso administrativo admite a trámite a demanda presentada pola Mesa pola Normalización Lingüística contra a Universidade a Distancia (UNED), por vulnerar os dereitos lingüísticos dun estudante ao que non se lle corrixiu un exame, por escribilo na nosa lingua.
A UNED defende que “o equipo docente non ten competencia nin instrumentos para avaliar unha proba redactada nun idioma diferente do castelán” e que, “en consecuencia”, “non ten obriga de corrixilo”. E o presidente da Mesa, Marcos Maceira recorda que “a UNED é unha universidade pública e, como tal, debe dar exemplo, respectando a oficiliade do galego”. “Ningunha persoa que se examine en Galiza ten que ser obrigada ou coaccionada a facer un exame un castelán”, sentencia o presidenta da entidade en defensa da nosa lingua.
Despois de que o rectorado desestimase o recurso de alzada interposto polo alumno, Bieito Lobeira, coa asistencia da Mesa, esta solicitou xudicialmente que se recoñeza o dereito deste estudante a que “un docente da UNED corrixa e puntúe o seu exame” e “se lle recoñeza o seu dereito a realizar todos os exames na lingua cooficial do territorio no que se examine”, cuestión que o xulgado admitiu a trámite.
A Mesa pola Normalización Lingüística conta cun servizo gratuíto para tramitar queixas diante da vulneración dos dereitos lingüísticos, así como parabéns para quen dea pasos cara a garantia do dereito a vivir en galego. Trátase de A Liña do Galego, dispoñible tanto na web como a través dunha app de descarga gratuíta, en iTunes e Google Play.