Os datos do IGE constatan a falta de liberdade para vivir en galego

A enquisa sobre o uso do galego cifra as consecuencias da aplicación do Decreto contra o galego no ensino, cun 30,04% das nenas e nenos entre 5 e 15 anos que non saben escribir galego e un 23,9%, que non saben falalo

 

Só 30,33% das galegas e dos galegos consegue manter o uso da súa lingua, malia os obstáculos

 

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2019.- Os resultados da enquisa sobre Uso habitual e inicial do galego feitos públicos esta mañá polo IGE constatan a falta de liberdade para vivir en galego coa normalidade que sería propia dunha lingua oficial que vén sinalando A Mesa reiteradamente. Consolídase a perda continuada de falantes, especialmente no ámbito urbano, e mais a diglosia nas relacións sociais, cunha importante baixada do número de persoas que empregan só o galego en servizos docentes (23,48%), sanitarios (27,88%), administrativos (29,30), bancarios (28,72%) ou comerciais (30,27%). “Unha situación favorecida”, denuncia o presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira, “pola vulneración de dereitos lingüísticos e pola exclusión do idioma de Galiza de grande parte dos ámbitos de uso e pola imposibilidade de devolución, oral ou escrita”.

O 24% das e dos menores de 15 anos non saben galego
“Esta nova enquisa do IGE proporciona un novo dato aterrador sobre as consecuencias do mal chamado decreto de plurilingüismo”, recorda Maceira. No tramo de idade no que se aplica o decreto, entre 5 e 15 anos, o 30,04% recoñecen non saber escribir galego, o 18,32% non saber lelo e o 23,9 % non saber falalo, o que supón un incremento do 8,42%, do 4,06%, e do 7,6% (respectivamente) sobre os datos recollidos no 2008, ano da última enquisa anterior á entrada en vigor do decreto contra o galego.

“Á vista do datos”, afirma Maceira, “a efectividade do decreto contra o galego é indiscutíbel, tal e como indicaban as asociacións de nais e pais, organización sindicais, movementos de renovación pedagóxica, a propia Mesa pola Normalización Lingüística ou o Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta das Linguas: a incapacidade para o uso do galego é a máis alta da historia de Galiza”. Dende A Mesa, advírtese de que a única maneira de reverter esta situación é garantindo o galego como lingua vehicular do ensino, posibilidade anulada polo Partido Popular con consecuencias terríbeis para o alumnado galego.

Estranxeirización do galego
A vontade dunha importante parte da poboación galega por manter o uso da súa lingua atopa impedimentos de todo tipo, visíbeis ao contrastarmos datos de uso cos de presenza en espazos como a programación infantil en galego, que só acada o 4%, o 0,6 % nos xogos e xoguetes, o 5% na xustiza, o 1% nos seguros ou o 8% na educación infantil nas cidades, aos que se suma o crecente desprezo pola lingua propia na administración pública estatal e autonómica que concentran o 46% das queixas por vulneración dos dereitos lingüísticos. “A presenza e tratamento do galego en Galiza, incluído o ensino, é o dunha lingua estranxeira”, denuncia o presidente da Mesa, “só as persoas galegofalantes se ven forzadas a mudaren de lingua”. “É este o equilibrio do que se gaban o PP e o presidente da Xunta? É esta a liberdade para o galego?”, pregunta.

Unha realidade que limita o uso do galego amparada por unha lexislación estatal negadora da pluralidade lingüística en máis de 500 disposicións legais, mais tamén dun goberno da Xunta de Galiza que cando non actúa contra do galego a través da lexislación ou fomentando prexuízos e falsidades, simplesmente se abstén de exercer as súas competencias a favor do galego. “A satisfacción da Xunta ante estes resultados só se explica se o obxectivo da súa política lingüística é a aniquilación do galego”, afirma Maceira.

Compromiso para o futuro do galego
Porén, A Mesa quere destacar tamén a conciencia da necesidade da existencia do galego para manter a dignidade colectiva do pobo galego e o  papel das persoas que se manteñen incodicionalmente no uso do noso idioma malia as dificuldades. Existe unha enorme vontade social de manter a lingua, que non se ve correspondida pola presenza real nin conta co amparo do goberno galego. A este respecto, son significativos os datos de uso por ámbitos, onde se observa unha parte da poboación que se mantén no uso do galego, resistindo activamente a imposición do castelán, concretamente en ámbitos como o comercio, saúde, banca, ensino e administración. “O único amparo ás e aos galegofalantes”, asegura Marcos Maceira, “provén da propia sociedade, de centos de entidades sociais, entre elas da Mesa pola Normalización Lingüística, que ofrece o único servizo de atención a queixas, consultas e parabéns relacionadas co uso do galego, A Liña do Galego.” “O mantemento e crecemento desta conciencia e da mobilización social ampla a favor do galego é a garantía de futuro para a lingua”, remata.

A Mesa pola Normalización Lingüística é unha plataforma independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. O seu papel é o de emprender iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos, así como denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo. Calquera persoa sensíbel coa causa do idioma galego pode facer parte da Mesa, que coas súas 4000 socias e socios é a maior asociación cultural de Galiza. Todas aquelas persoas que coñezan ou sofran casos de discriminación polo uso do galego poden tramitar a súa denuncia a través da Liña do galego.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra