Os sectores cultural e educativo arroupan a presentación da iniciativa popular Xabarín para mellorar a programación infantil e xuvenil en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística pon en marcha dun grupo impulsor da IP no que están representadas as principais asociacións profesionais da cultura galega, artistas de referencia para o público infantil e xuvenil, empresas da industria editorial, musical e das artes escénicas, colectivos sociais e organizacións do ensino Compostela, 30 de setembro de 2020.- Dúas […]

A Mesa pola Normalización Lingüística pon en marcha dun grupo impulsor da IP no que están representadas as principais asociacións profesionais da cultura galega, artistas de referencia para o público infantil e xuvenil, empresas da industria editorial, musical e das artes escénicas, colectivos sociais e organizacións do ensino

Compostela, 30 de setembro de 2020.- Dúas ducias de profesionais da música, do audiovisual, do teatro e da industria editorial de Galiza, así como representantes de colectivos sociais e de todos os ámbitos do ensino do país arrouparon esta mañá en Compostela o lanzamento da Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística no Parlamento de Galiza co obxectivo de instar ao goberno galego a tomar as medidas precisas para mellorar a programación infantil e xuvenil en galego.
O sector cultural e educativo amosou, así, o seu apoio á petición de que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada que conten ademais con programas e xogos.
A secretaria xeral da Mesa, Celia Armas, recordou no acto de presentación, que a proposta tamén instará ao goberno de Feixoo a adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa App para o público infantil. “O goberno galego deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP – TVG en Galiza e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias”, salientou.
O apoio do sector cultural concrétase na posta en marcha dun grupo impulsor da iniciativa popular no que están representadas as principais asociacións profesionais da cultura galega (AAAG, AELG, AGAG, AGEM, AGPI, AGPTI, Escena Galega, Músicas ao vivo e Asociación de Profisionais da Dobraxe); artistas de referencia para o público infantil e xuvenil como Fran Amil, Magín Blanco, Pepe Carreiro, Paco Cerdeira, Pablo Díaz, Gloria Mosquera ou Uxía Lambona e a Banda Molona; empresas da industria editorial, musical e das artes escénicas como Apiario, Baobab, Charlatana, Culturactiva, Editorial Galaxia ou Xerais; colectivos sociais como a Federación Galiza Cultura ou as ANPAS Galegas; e organizacións do ensino como Erguer, ANEGA, AS-PG, Nova Escola Galega, CIG Ensino, CSIF Ensino ou STEG.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recordou na presentación que a petición reuniu a través da web preto de 15000 sinaturas. Foi, precisamente, a velocidade e a intensidade con que a sociedade galega respondeu á proposta o que levou a entidade de defensa da lingua a transformar o que inicialmente era só unha petición nunha iniciativa popular que cumprise todos os requisitos para poder ser debatida e aprobada no Parlamento. “Coidamos que é maneira máis eficaz de demostrar a nosa forza colectiva e de transformar en realidade a necesidade”, afirmou Maceira.

“Unha televisión en galego para crianzas e mocidade”, concluiu, “é necesaria para sermos conscientes, de novo, da potencialidade criadora que hai en Galiza: produtoras, actores e actrices, editoriais, ilusttradoras, escritores e escritoras, músicas de enorme éxito malia as limitacións de difusión por carencias nos medios públicos”. “Día a día demostran ademais que máis que demanda o que hai é necesidade, como a hai para calqeura sociedade avanzada mais que no noso caso é urxencia”, asegurou, “como demostra esta iniciativa que nace coa participación de ducias de colectivos do sector da cultura mais tamén das asociación de nais e pais, orgnizacións xuvenís, a grande maioría da representación sindical do profesorado galego ou os xa máis de 200 estabelecementos comerciais onde se recollerán as sinaturas nos próximos días asi que a Xunta electoral valide, sele e numere os pregos onde se recollerán”.

Na fotografía da presentación desta mañá en Compostela aparencen Marcos Maceira e Celia Armas (A Mesa pola Normalización Lingüística), Pablo Díaz, Paco Cerdeira (Paco Pakolas e A gramola gominola), Fran Amil (Chuches Amil), Diego Roca (Uxía Lambona) e Sergio Rodríguez (Troula), Fran Rei (Pallasos en Rebeldía, Nacho Fungueiriño (Culturactiva), Camilo Franco (AELG), Iria Taibo (AGPTI), Fernando Lacaci (ANPAS Galegas), Mar Lois (ANEGA), Artai Gavilanes (Erguer), Antón Costa (Nova Escola Galega), Patricia Varela (AS-PG), Xesús Bermello (CIG Ensino), Maica Couto (STEG), Marília Inês Cunha de Oliveira (CSIF Ensino) e representantes sindicais da CRTVG.
Báner cadrado "Asina! Por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG"

CARTA AOS ASINANTES DA CAMPAÑA POLA CANLE XABARÍN NA TVG

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística queremos agradecer os apoios á campaña por unha canle Xabarín Club de programación infantil e xuvenil na TVG. Tras comprobar que esta iniciativa conta cun amplo apoio social, máis de 8.000 asinantes en só 5 días de diferentes idades, profesións e procedencia, na Mesa pola Normalización Lingüística propómonos levar […]

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística queremos agradecer os apoios á campaña por unha canle Xabarín Club de programación infantil e xuvenil na TVG.

Tras comprobar que esta iniciativa conta cun amplo apoio social, máis de 8.000 asinantes en só 5 días de diferentes idades, profesións e procedencia, na Mesa pola Normalización Lingüística propómonos levar esta iniciativa ao Parlamento de Galiza a través da proposición non de lei (PNL) de iniciativa popular PARA UNHA CANLE XABARÍN CLUB NA TVG E MÁIS E MELLOR DIFUSIÓN DE PROGRAMACIÓN INFANTIL E XUVENIL EN GALEGO.

Pensamos que esta é a mellor maneira de facer aos responsábeis políticos esta reinvidicación. O Parlamento de Galiza é o máximo órgano de representación das galegas e galegos e precisamos que a nosa voz chegue a esta institución para que o debate arredor da creación dunha Canle “Xabarín” cunha programación infantil e xuvenil en galego e cuns contidos de calidade ocupe un lugar central na política galega, e así que o Parlamento inste á CRTVG a crear a Canle “Xabarín” e a cumprir as diversas leis galegas e estatais que estabelecen que a televisión pública ten o deber de “contribuír á normalización da lingua galega e á difusión da cultura propia de Galiza” e que os “operadores de titularidade pública deben contribuír á promoción da industria cultural, en especial á de creacións audiovisuais vinculadas ás distintas linguas e culturas existentes no Estado”.

A lingua galega precisa espazos de uso, de reprodución e socialización para existir e desenvolverse. O galego debe estar “en todo e para todo”, recollendo o título do coñecido artigo de D. Ricardo Carvalho Calero. A exclusión ou a inferioridade de condicións no ámbito audiovisual impede calquera política real a favor da normalidade plena do noso idioma.

Para conseguir que esta PNL chegue a ser debatida no Parlamento imos precisar da túa colaboración de novo. Se ben a lexislación estabelece que son 2500 as sinaturas necesarias para ser debatida, pensamos que é posíbel multiplicar esta cantidade e facer ver que esta demanda conta cun amplo apoio dentro da sociedade galega

 

Hai varias maneiras de colaborar:

Coa túa sinatura nos pregos verificados pola Xunta Electoral que poremos ao dispor en diversos puntos de Galiza nas próximas semanas.

Se tes un estabelecemento aberto ao público e queres participar na rede de recollida de sinaturas ou queres recollelas individualmente, fáinolo saber a través do correo xabarintv@amesa.gal.

Precisamos de difusión: comparte esta iniciativa coas túas amizades e anímaas a asinar. Tamén habilitaremos unha páxina web onde teremos toda a información e materiais para descargar.

Doazóns: para quen quixer contribuír a soster economicamente esta campaña, habilitaremos nos próximos días diferentes vías de doazón.

Contamos contigo!

Saúdos cordiais,

Báner ancho "Asina! Por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG"

A Mesa anuncia unha proposta parlamentaria popular pedindo unha canle Xabarín Club de programación infantil e xuvenil na TVG

A entidade dá o paso despois de que a solicitude dunha canle e unha App que emitan continuadamente contidos atractivos e de interese para a infancia e a mocidade galega acadase na rede preto de 8000 sinaturas Compostela, 17 de setembro de 2020.- A Mesa pola Normalización Lingüística presentará esta semana unha Proposición Non de […]

A entidade dá o paso despois de que a solicitude dunha canle e unha App que emitan continuadamente contidos atractivos e de interese para a infancia e a mocidade galega acadase na rede preto de 8000 sinaturas

Compostela, 17 de setembro de 2020.- A Mesa pola Normalización Lingüística presentará esta semana unha Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular ao Parlamento de Galiza co obxectivo de instar ao goberno galego a tomar as medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada que conte ademais con programas e xogos.

A proposta -que se tramitará ao longo dos próximos meses- tamén instará ao goberno de Feixoo a adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa App para o público infantil. O goberno galego deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP – TVG en Galiza e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.

A Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular é un dos mecanismos contemplados na lexislación galega para a participación popular no impulso da acción de goberno para o que é preciso reunir un mínimo de sinaturas que serán debidamente certificados pola Xunta electoral. É, por tanto, un proceso máis complexo que a recollida de sinaturas que se mantén na web, mais tamén con maiores garantías de trámite parlamentar sempre que se reunir o mínimo de sinaturas fixado pola lei.

A entidade de defensa da lingua dá o paso despois de que a solicitude dunha canle e unha App que emitan continuadamente contidos atractivos e de interese para a infancia e a mocidade galega acadase na rede cerca de 8000 sinaturas en catro días. “Trasladar esta iniciativa ao Parlamento é a maneira de tornar realidade unha necesidade da mocidade galega”, indicou o presidente da Mesa, que engadiu que “para acadalo será imprescindíbel un grande esforzo colectivo”, polo que “se está a organizar un grupo impulsor formado por colectivos diversos mais representativos da sociedade galega que precisa dunha TVG comprometida coa súa función normalizadora e de dar visibilidade a toda a variedade e riqueza da cultura galega, nomeadamente no ámbito infantil e xuvenil”. Este grupo será presentado nos próximos días.

A Mesa considera alarmante o retroceso da presenza da lingua galega na programación televisiva: só a CRTVG garante a súa presenza na grella televisiva, mais faino de forma cativa e mínima, malia o estabelecido na lexislación autonómica sobre o audiovisual e malia as enormes posibilidades técnicas actuais que poderían aumentar significativamente as emisións en galego. E recorda que é conveniente actualizarse ofertando produtos en plataformas dixitais ou App con contidos infantís, recuperando os traballos de dobraxe xa elaborados e financiados con diñeiro público pola entidade televisiva. “É lamentábel que non se poidan visualizar en galego debuxos animados que tiveron grande impacto e éxito en Galiza”, critica Maceira, “aos que non se lle dá continuidade en galego no mercado cos seus produtos derivados ou na propria TVG”.

Xa a finais de 2019, unha campaña capitanaeada por A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación profisional de actores e actrices da dobraxe de Galiza (APRADOGA) e a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e intrpretación (AGPTI) pedía á Xunta de Galiza que facilitase o lexendado e a dobraxe en galego dos filmes e series que ofertan as principais plataformas de contidos audiovisuais dixitais, tal e como fan os gobernos éuscaro e catalán dende hai anos. A campaña reclamáballe á Xunta de Galiza que se sumase ao acordo con Movistar+ dos gobernos vasco e catalán para o lexendado e a dobraxe dos filmes e series; estabelecendo acordos coas principais plataformas dixitais para a incorporación de lexendado en galego e da dobraxe dos filmes e series dos que xa dispón a CRTVG; e fixando unha dotación orzamentaria que permita cumprir eficazmente co estabelecido no artigo 20.1 da LNL.

O deseño é de Kiko Dasilva, homenaxe ao Xabarín deseñado por Miguelanxo Prado.

Asina: por unha canle Xabarín Club de programación infantil e xuvenil na TVG

A galega é a única lingua oficial no Estado español que non conta cunha canle de emisión continuada de programación infantil e xuvenil. O resultado disto é só o 4,6% da progamación semanal está en galego, caendo ao 2,7% na fin de semana. A través de canles como Clan, Super3 ou ETB3 todas as crianzas, […]


A galega é a única lingua oficial no Estado español que non conta cunha canle de emisión continuada de programación infantil e xuvenil. O resultado disto é só o 4,6% da progamación semanal está en galego, caendo ao 2,7% na fin de semana.

A través de canles como Clan, Super3 ou ETB3 todas as crianzas, rapaces e raparigas do Estado español poden desfrutar dos mellores contidos televisivos na súa lingua agás as galegas.

Resulta alarmante o retroceso da presenza da lingua galega na programación televisiva: só a CRTVG garante a súa presenza na grella televisiva, mais faino de forma cativa e mínima, malia o estabelecido na lexislación autonómica sobre o audiovisual e malia as enormes posibilidades técnicas actuais que poderían aumentar significativamente as emisións en galego.

En canto á conveniencia de actualizarse ofertando produtos en plataformas dixitais ou App con contidos infantís, desprézanse os traballos de dobraxe xa elaborados e financiados con diñeiro público pola entidade televisiva. É lamentábel que non se poidan visualizar en galego debuxos animados que tiveron grande impacto e éxito en Galiza, aos que non se lle dá continuidade en galego no mercado cos seus produtos derivados ou na propria TVG.

Sr. Sánchez Izquierdo, Director Xeral da Corporación de Radio Televisión de Galiza.

Sr. Román Rodríguez Rodríguez , Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade.

Reclamamos unha canle Xabarín Club na TVG que emita continuadamente en galego e coa súa App, todos os días do ano, contidos actuais, anteriores de éxito, atractivos e de interese para a infancia e a mocidade galega.

Xabarín Club 24h!

NOTA: O FORMULARIO DE SINATURAS PECHOU O 19 DE OUTUBRO. DESDE ESTA DATA PRECISAMOS A SINATURA FÍSICA DE TODAS AS PERSOAS QUE ASINARON OU DESEXAN FACELO. PODERASE ASINAR NOS ESTABELECEMENTOS E ASOCIACIÓNS QUE COLABORAN OU CONTACTANDO EN xabarintv@amesa.gal ou tlf 981563885 

App ABERTOS AO GALEGO

Unha App para terminais Android e Apple onde están sinalados os establecementos que contan co certificado Abertos ao galego xunto a aqueles dos que temos constancia do uso do galego. A App fica aberta a novas incorporacións, polo que se coñecer estabelecementos que puideren entrar só nolo ten que facer saber. Descárgaa aquí    

Unha App para terminais Android e Apple onde están sinalados os establecementos que contan co certificado Abertos ao galego xunto a aqueles dos que temos constancia do uso do galego. A App fica aberta a novas incorporacións, polo que se coñecer estabelecementos que puideren entrar só nolo ten que facer saber.

Descárgaa aquí

 

 

O profesorado galego denuncia que o Sergas fulminou a nosa lingua das comunicacións de PCR previas ao comezo das clases

O profesorado galego denuncia que o Sergas fulminou a nosa lingua das comunicacións relativas ás PCR previas ao comezo do curso escolar. A Mesa pola Normalización Lingüística recorda que non se trata dun caso illado e que, tanto o goberno de Feixoó como o de Pedro Sánchez excluíron o galego de toda a xestión para […]

O profesorado galego denuncia que o Sergas fulminou a nosa lingua das comunicacións relativas ás PCR previas ao comezo do curso escolar. A Mesa pola Normalización Lingüística recorda que non se trata dun caso illado e que, tanto o goberno de Feixoó como o de Pedro Sánchez excluíron o galego de toda a xestión para a Covid-19. “Temos dereito a recebermos información, atención e axuda sobre a Covid en galego”, recorda o presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira, “a pesar de que nin o goberno de Galiza nin o de España o respecten”.

A Mesa, que tramitou unha queixa a través da Liña do Galego pedíndolles ás institucións sanitarias que rectifiquen, vén denunciando desde o pasado mes de marzo que “a atención que se nos dá aos galegos e ás galegas no noso idioma é practicamente inexistente en todo o relativo á Covid”, dando lugar a “unha grave limitación ao noso dereito fundamental a expresármonos no noso idioma coa administración autonómica”. O desprezo pola nosa lingua amósase na atención telefónica, nas apps do Sergas e do Ministerio de Sanidade, nas formacións especializadas sobre a pandemia e no feito de que o presidente e os cargos políticos do sistema galego de saúde prioricen o español nas súas comparecencias públicas sobre a Covid.

O uso do galego non ten premio para o Ministerio de Igualdade

A Mesa pola Normalización Lingüísitica denunciou o pasado mes de xuño que os premios ás mellores teses doutorais sobre violencia contra as mulleres, dotados con até 3000 euros, só aceptan propostas escritas en castelán A resposta do goberno equipara as linguas oficiais diferentes do español con calquera lingua estranxeira, polo que A Mesa reclama a […]

A Mesa pola Normalización Lingüísitica denunciou o pasado mes de xuño que os premios ás mellores teses doutorais sobre violencia contra as mulleres, dotados con até 3000 euros, só aceptan propostas escritas en castelán

A resposta do goberno equipara as linguas oficiais diferentes do español con calquera lingua estranxeira, polo que A Mesa reclama a rectificación ou o cese da responsable política, Victoria Rosell, e solicita unha entrevista coa ministra de igualdade e co delegado do goberno

Compostela, 8 de setembro de 2020.- A Mesa pola Normalización Lingüística denunciaba o pasado mes de xuño que o Ministerio de Igualdade “nega o mínimo recoñecemento do galego”, ao excluír dos Premios da Delegación do Gobierno contra a Violencia de Xénero a teses doutorais sobre violencia contra a muller (ligazón á convocatoria) os traballos que foran presentados en calquera lingua oficial do Estado, diferente do castelán. Preguntada ao respecto polo deputado do BNG, Néstor Rego, a delegada contra a violencia de xénero, Victoria Rosell, resposta con tópicos e prexuízos contra as outras linguas oficiais nos seus territorios, negando o dereito das galegas e galegos a optar en iguladade de condicións a premios públicos e equiparando as linguas oficiais do Estado diferentes do español con calquera lingua estranxeira. A Mesa reclama a rectificación ou o cese de Victoria Rosell e solicita unha entrevista coa ministra de igualdade e co delegado do goberno, a quen exixirá que anule as convocatorias que discriminan o uso das linguas oficiais do Estado.

Aínda que sinala que “o catalán, o éuscaro, o galego, o valenciano e o aranés son linguas cooficiais, recoñecéndose o dereito do cidadán a empregalas e a obriga dos poderes públicos de garantir este dereito, así como a protexer e promover o seu uso“, a resposta oficial de Rosell insiste en supeditar este dereito fundamental da cidadanía ao carácter “nacional” dos Premios e á obriga de todos os estudantes a coñecer a lingua castelá. “A delegada confunde o deber de coñecemento do español fixado pola Constitución española cun suposto deber de uso”, denuncia a vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, “e considera polo tanto lexítimo coaccionar as persoas que cumpren todos os requisitos para se presentaren a un premio público e forzalas a usaren o castelán”. “O emprego destes argumentos é máis grave aínda”, recorda, “tratándose da delgación contra a violencia de xénero, por canto pode indicar da exclusión das vítimas de violencia machista polo uso do galego”.
A resposta oficial ofrecida por Rosell asegura que “exixir que as teses doutorais estean redactadas en castelán” non é discriminatorio, porque “a presentación de estudos e traballos ao certame é unha actividade voluntaria, non unha obriga de carácter académico, e supón un extra nas súas carreiras e currículo”. “Só podería considerarse discriminatorio”, afirma, “no caso de que se tratase dunha obriga”. “Todo iso sen prexuízo de que as Comunidades Autónomas dentro do seu ámbito competencial”, abunda a resposta, ” poidan convocar premios ou certames dirixidos a traballos realizados nas linguas cooficiais do seu territorio”. É dicir, o Estado premia unicamente a lingua española e o resto das linguas oficiais fican restrinxidas a aqueles premios e mencións que queiran ofrecer cada unha das comunidades autónomas. “Premios que, como saberá a responsábel política deste ámbito”, recorda Quintas, “nin sequera existen”.
“Esta resposta oficial é unha auténtica burla a calquera principio de igualdade entre cidadáns e constitúe unha chantaxe que pretende forzar ao uso do castelán”, asegura Elsa Quintas. “O racismo lingüístico e todas as formas de discriminación deben ser suprimidas dunha sociedade democrática”, afirma. “As cidadás e os cidadáns galegos deberían ter tanto dereito a presentarse a un premio público como os de calquera outro territorio de Estado”, recorda, “e, por tanto, teñen que ter dereito a facelo na súa lingua propia, tan válida para a investigación científica como calquera outra”. “Da mesma maneira deberían ter dereito a empregar a súa con calquera servizo ou administración do Estado”, remata.

A resposta oficial do goberno equipara, finalmente, as linguas cooficiais no Estado con calquera lingua estranxeira: “nin as bases reguladoras dos premios nin a correspondente convocatoria anual impiden a presentación de teses escritas nunha lingua diferente ao castelán, só que nese caso solicítase que se acompañe da correspondente tradución co fin de garantir a súa comprensión polas persoas integrantes do xuri”. Sinalar que os traballos en catalán, éuscaro, galego e aranés se admitirían se estivesen acompañados da “correspondente tradución” coloca as linguas distintas do español nunha posición de inferioridade a respecto del e no nivel de linguas estranxeiras ante as institucións que, en teoría, representan tamén ás súas autoras/es e converten o traballo na súa lingua orixinal, na práctica, nun anexo.
Como pode un goberno que recoñece que non só debe garantir o dereito da cidadanía a usar a súa propia lingua, senón tamén “protexer e promover o seu uso”, defender unhas liñas máis tarde que é responsabilidade cidadá adaptarse á lingua que mellor lle acaia ás institucións públicas en cada momento? O Estado español confirma, nesta resposta oficial, que a única lingua que recoñece como propia é o castelán e que calquera outra lingua -por moito carácter oficial que teña no seu territorio- ten entidade de lingua estranxeira. Por suposto que é discriminatorio que polo simple feito de empregar o castelán parte do estudantado español teña acceso a “un extra nas súas carreiras e currículo” ao que non teñen acceso o resto das súas compañeiras e compañeiros. Cre o goberno que este tipo de accións “protexen” e “promoven” o uso das linguas cooficiais? En que contexto de uso “normal” dunha lingua oficial que ten “plena validez xurídica nas relacións que manteña con calquera poder público radicado no dito territorio” se pode entender a non admisión dun traballo académico precisamente porque a súa autora ou autor está exercendo o seu dereito a usar a súa lingua propia e oficial? É que a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero non ten relación territorial cos lugares onde existe un “uso normal” doutra lingua diferente ao castelán?
O goberno español nega, deste xeito, a través da Delegación do Gobierno contra a Violencia de Xénero a liberdade de utilizar o galego nos traballos científicos. A Mesa exíxelle ao goberno do Estado que “depoña a actitude de desprezo ás linguas oficiais diferentes do castelán” e que actúe para garantir a posibilidade de uso. “Unha posibilidade”, salienta, “vetada a través das máis de 500 disposicións legais como a convocatoria deste premio”.

A app do Ministero de Sanidade para a Covid-19 ignora as linguas co-oficiais do Estado

A Mesa tramitou unha queixa a través da Liña do Galego pedíndolles ás institucións sanitarias españolas que rectifiquen e lamentando a indefensión á que somete o goberno á cidadanía ao eliminar a súa lingua da xestión da pandemia Compostela, 10 de agosto de 2020.- A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a App “Radar Covid” […]

A Mesa tramitou unha queixa a través da Liña do Galego pedíndolles ás institucións sanitarias españolas que rectifiquen e lamentando a indefensión á que somete o goberno á cidadanía ao eliminar a súa lingua da xestión da pandemia

Compostela, 10 de agosto de 2020.- A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a App “Radar Covid” creada polo Ministerio de Sanidade do goberno do Estado para que a poboación faga seguemento da situación da pandemia ao seu arredor está dispoñíbel só en español e en inglés, ignorando todas as linguas co-oficiais. “O Estado pensa que a Covid só entende español e inglés, mais a loita contra o virus faise tamén en galego”, asegura o presidente da Mesa, Marcos Maceira. “Temos dereito a recebermos información, atención e axuda sobre a Covid en galego”, recorda, a pesares de que nin o goberno de Galiza nin o de España o respecten.

A Mesa, que tramitou unha queixa a través da Liña do Galego pedíndolles ás institucións sanitarias que rectifiquen, vén denunciando dende o pasado mes de marzo que “a atención que se nos presta aos galegos e ás galegas no noso idioma é practicamente inexistente en todo o relativo á Covid”, dando lugar a “unha grave limitación ao noso dereito fundamental a expresármonos no noso idioma coa administración autonómica”. O desprezo pola nosa lingua amósase na atención telefónica, na app do Sergas (que ofrece a información sobre o Coronavirus en castelán aínda que estea habilitada a opción en galego), nas formacións especializadas sobre a pandemia e no feito de que o presidente e os cargos políticos do sistema galego de saúde prioricen o español nas súas comparecencias públicas sobre a Covid.

Lucía Barreiro e Carlos G. Vieito súmanse á comisión permanente da Mesa pola Normalización Lingüística

Compostela, 18 de xullo de 2020.- A Mesa pola Normalización Lingüística incorporou esta mañá dúas novas voces á súa comisión permantente: Lucía Barreiro (O Pino, 1991), docente de secundaria e coordinadora do Correlingua até xuño deste ano 2020, e Carlos García Vieito (Santa Comba, 1992), consultor promotor de inciativas como Twitter en galego e Instagram […]

Compostela, 18 de xullo de 2020.- A Mesa pola Normalización Lingüística incorporou esta mañá dúas novas voces á súa comisión permantente: Lucía Barreiro (O Pino, 1991), docente de secundaria e coordinadora do Correlingua até xuño deste ano 2020, e Carlos García Vieito (Santa Comba, 1992), consultor promotor de inciativas como Twitter en galego e Instagram en galego. Ambos os dous súmanse ao equipo xestor da entidade, encabezado por Marcos Maceira (presidente), Elsa Quintas (vicepresidenta) e Celia Armas (secretaria xeral). Nas vogalías, continúan Mónica Pazos (quen foi oi vicepresidenta e secretaria xeral da Mesa), Manuel Rei, Manuel Carniceiro, Xosé María Cotelo e Paulo Filgueiras.

A COMISIÓN PERMANENTE DA MESA

Presidente: Marcos Maceira Eiras. Santiago de Compostela, 1978. Licenciado en Historia pola USC, Mestrado en xestión cultural pola UOC. Activista cultural e lingüístico desde moi novo foi presidente da AC O Galo de Santiago e vicepresidente da Federación Galiza Cultura. Na actualidade é profesor de Xeografía e Historia no ensino medio. Preside a Mesa desde 2014.

Vicepresidenta: Elsa Quintas Alborés. Gondomar, 1979. Licenciada en dereito pola USC. Exerce de avogada en Vigo. Participou como representante estudantil en diferentes órganos da USC. Foi dirixente da mocidade pola Normalización Lingüística e membro da permanente da Mesa en diferentes ocasións desde 2002. É autora da biografía de Placeres Castellanos (2008).

Secretaria Xeral: Celia Armas García. Santiago, 1974. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC. Profesora de lingua galega e literatura no ensino secundario desde o ano 2000. Membro da Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística desde o ano 2015. Directora de Abertos ao Galego desde 2017. Vicepresidenta da Fundación Vía Galego. Coautora de varios volumes de investigación sociolingüística (Sobre o racismo lingüístico) e literaria (Escrita e mulleres, No tempo de Follas Novas…) e autora de As mulleres escritoras, 1860-1870. O xenio de Rosalía.

Vogais:

Mónica Pazos García. Ermua (Bizcaia),1977 Licenciada en Filoloxía Galega e Románica. Profesora de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario. Colaborou en diferentes medios sobre temas de literatura galega e literatura infantil. Vive en Foz, onde participa en actividades de asociacións da Mariña. Foi vicepresidenta e secretaria xeral da Mesa.

Manuel Rei Romeu. A Estrada, 1963. Licenciado en Filoloxía galego-portuguesa pola USC. Profesor de Lingua galeg e literatura no ensino medio. Foi membro do comité científico que elaborou a Historia da Literatura Galega (AS-PG, ANT, 1996). É autor de diferentes ensaios sobre Castelao.

Lucía Barreiro. O Pino, 1991. Graduada en Lingua e Literatura Galega, foi coordinadora do Correlingua desde 2016 ate xuño do 2020. Profesora no ensino secundario.

Carlos García Vieito Santa Comba, 1992. Grao en Ciencias Políticas e da Administración e Mestrado en Marketing e Comunicación dixital onde se desenvolve profisionalmente. É promotor de inciativas como Twitter en galego e Instagram en galego. Activista lingüístico desde a mocidade, colaborou coa Plataforma per la Llengua durante a súa estancia en Barcelona.

Manuel Carniceiro Méndez Agirre Ourense, 1962. Licenciado en Dereito pola USC, exerce como avogado en Ourense. É membro da Irmandade Xurídica Galega, responsábel de Ourense da Mesa.

Xosé María Cotelo Freire. A Laracha, 1968. Técnico de mantemento aeroportuario. Activista cultural e lingüístico en diferentes colectivos, foi responsábel da Mesa en Bergantiños e Costa da Morte.

Paulo Filgueiras Fachal Perbes, 1979. Profesor de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario.

A entidade de de defensa da lingua celebrou esta mañá en Compostela a súa asemblea xeral ordinaria, na que aprobou a memoria do 2019 e o programa de actividades proposto para un 2020 fondamente marcado polo coronavirus.

A Mesa e outras entidades das linguas do Estado denuncian na ONU os ataques da xustiza española contra as súas linguas propias

A rede europea para a igualdade das linguas, ELEN, traslada ao Consello de Dereitos Humanos da ONU a súa preocupación polos ataques da xustiza española ás linguas minorizadas do Estado Compostela, 16 de xullo de 2020.- A rede europea para a igualdade das linguas, ELEN, trasladou hoxe ao Consello de Dereitos Humanos da ONU, no […]

A rede europea para a igualdade das linguas, ELEN, traslada ao Consello de Dereitos Humanos da ONU a súa preocupación polos ataques da xustiza española ás linguas minorizadas do Estado

Compostela, 16 de xullo de 2020.- A rede europea para a igualdade das linguas, ELEN, trasladou hoxe ao Consello de Dereitos Humanos da ONU, no seu 44º exame periódico universal, a preocupación da Mesa pola Normalización Lingüística e doutras entidades de defensa das linguas do Estado polos ataques da xustiza española ás súas linguas propias, en relación á sentenzas do Tribunal Supremo contra axudas vinculadas ao uso do euskera, contra a comunicación en catalán entre Catalunya, València e Balears e contra a Ordenanza do Uso do Galego aprobada por unanimidade no Concello de Lugo en 2012 e anulada despois parcialmente pola xustiza.

“A sentenza do TSXG ratificada polo TS”, explica Marcos Maceira, presidente da Mesa, “ponlle o carimbo de legalidade e lexitimidade á discriminación de usuarias e usuarios de servizos públicos privatizados por razón de lingua, ao primar o suposto dereito de descoñecemento do galego por parte das empresas emprestadoras de servizos á administración municipal fronte ao dereito a empregalo e ser atendido en igualdade de condicións por parte das e dos cidadáns. Este aspecto contravén ademais o contemplado no parágrafo 3 da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas, ratificada polo Estado Español en 2001, que sinala o compromiso de garantir que as linguas rexionais ou minorizadas se empreguen na prestación dun servizo tanto polas autoridades administrativas como polas persoas que actúen no seu nome”.

A fotografía que acompaña esta nova é de 2015, cando a Mesa se trasladou ata Xenebra para participar no 29º exame periódico universal do Consello de Dereitos Humanos de Nacións Unidas.

Doazóns

Realiza unha achega económica puntual para axudar no funcionamento da asociación. Colabora aquí

Ler máis
Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis