O desprezo polo galego de Naturgy destrúe o emprego de 400 persoas en Galiza

  A Mesa solidarízase cos e coas traballadoras e anima a participar na concentración que terá lugar o 14 de novembro ás 11h diante de Naturgy na rúa Celso Emilio Ferreiro de Ourense. A asociación do galego tamén recomenda contratar servizos de distribución coas dúas compañías que garanten atención en galego: Xenera e Nova Enerxía […]

 

A Mesa solidarízase cos e coas traballadoras e anima a participar na concentración que terá lugar o 14 de novembro ás 11h diante de Naturgy na rúa Celso Emilio Ferreiro de Ourense.

A asociación do galego tamén recomenda contratar servizos de distribución coas dúas compañías que garanten atención en galego: Xenera e Nova Enerxía

 

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2019-. O servizo de atención ao cliente de Naturgy, tanto de luz como de gas, atendido por Unitono entre A Coruña e Ourense, xeraba até este verán arredor de 400 postos de traballo. Un ERE ameaza os empregos e a atención en galego nunha empresa que extrae en Galiza grande parte da súa produción eléctrica.

O persoal de Unitono foi informado por Naturgy da rescisión definitiva do contrato com Unitono o próximo 15 de novembro, o que afecta a 150 traballadores na Coruña e 130 en Ourense, ademais dos 90 xa despedidos. “Con este ERE desaparecerá a posibilidade de atención en galego dunha compañía que extrae grande parte dos seus lucros da súa actividade en Galiza”, sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira,

 

Ademais segundo indican as traballadoras e traballadores “este ERE responde a unha clara estratexia de deslocalización que pasa por desmantelar o centro de Galiza na busca de man de obra barata que non poderá prestar servizos en lingua galega”.

A Mesa pola Normalización denunciou reiteradamente a situación que se produce pola falta de garantías que permitan o uso do galego nas relacións económicas, ofrecendo alternativas legais que amparasen os dereitos lingüísticos e laborais como a Iniciativa Lexislativa Popular para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, rexeitada en 2016 polo Partido Popular no Parlamento tras xuntar os apoios de arredor de 30.000 galegas e galegos.

As grandes empresas de luz, auga, telefonía, banca, seguros e incluso a administración pública teñen subcontratados os servizos de atención ao público a través de empresas de centros de chamadas que exclúen sistematicamente o galego, o que agrava o proceso de deslocalización das empresas de teleatención cara terceiros países mentres 100.000 galegos e galegas foron obrigados a emigrar pola perda de emprego no noso país.

Segundo indicou o presidente da maior entidade en defensa do galego, Marcos Maceira, “ o desprezo pola lingua galega e pola clientela que quere empregalo con total liberdade ten un custe directo coa vulneración de dous dereitos fundamentais: o dereito a vivir en galego e a traballar con dignidade e Galiza”.

A Mesa lembra que neste momento hai dúas subministradoras de enerxía que permiten a utilización da lingua galega en todos os seus servizos: Nova Enerxía SCC e Xenera e anima a contratar con que si respecta aos e ás consumidoras.

Imaxe: concrntracón contra o ERE en EXTEl na Coruña. Outubro 2016.

Axenda en galego para o 2020

A editorial Xerais, empresa adherida ao proxecto Abertos ao Galego, pon a disposición das socias e socios da Mesa as axendas-dietarios para 2020. Características: Encadernación en Cartoné. Acolchado azul mariño. Formato: 16,70 x 23,00 cm Axenda día por páxina con información complementaria de efemérides galegas, cultura popular, feiras e festas locais, celebracións internacionais, calendario fiscal, onomástica, fases […]

A editorial Xerais, empresa adherida ao proxecto Abertos ao Galego, pon a disposición das socias e socios da Mesa as axendas-dietarios para 2020.

Características:

Encadernación en Cartoné. Acolchado azul mariño.

Formato: 16,70 x 23,00 cm

Axenda día por páxina con información complementaria de efemérides galegas, cultura popular, feiras e festas locais, celebracións internacionais, calendario fiscal, onomástica, fases da lúa.

Desconto para socias e socios da Mesa!

O prezo xeral é de 16 euros, mais as socias e socios da Mesa teñen un desconto de 4€ polo que sairá por 12 euros.

O desconto é aplicábel para todos os exemplares que se soliciten.

Pedidos, recollida ou envío:

Para solicitárela preme na seguinte ligazón: https://www.amesa.gal/tenda/papelaria/axenda-2020

Pódese recoller no local nacional da Mesa ou enviar ao domicilio.

O local nacional da Mesa está na Avenida de Lugo, 2 A- Entresollado A de Santiago de Compostela.

Activistas da Mesa conseguen que o alcalde de Ourense utilice o galego no pleno

Irromperon no pleno para denunciar que o alcalde só usa o galego para aldraxalo, vulnerando a escasa lexislación que ampara a lingua Ourense, 4 de novembro de 2019-. Activistas da Mesa pola Normalización Lingüística de Ourense despregaron letreiros onde se podía ler “Eu quero galego” no pleno do concello para denunciar o que o alcalde só […]

Irromperon no pleno para denunciar que o alcalde só usa o galego para aldraxalo, vulnerando a escasa lexislación que ampara a lingua

Ourense, 4 de novembro de 2019-. Activistas da Mesa pola Normalización Lingüística de Ourense despregaron letreiros onde se podía ler “Eu quero galego” no pleno do concello para denunciar o que o alcalde só usa o galego para “aldraxalo e desprestixialo”.

Os e as activistas lembráronlle ao alcalde e ao grupo de goberno as súas obrigas legais respecto á lingua, entre elas a de promover o seu uso normal por parte da administración local. Lembráronlle tamén que a única forma correcta e oficial de denominar á cidade é Ourense.

Como resultado desta acción o pleno que comezou en castelán coa lectura da orde do día por parte do Alcalde, continuou en galego após se despregaren os letreiros.

O responsábel da Mesa en Ourense, Manuel Carniceiro, advertiu ao alcalde de que a entidade de defensa da lingua non consentirá a actitude de desprezo ao galego que mantén Xácome, e que voltará ao pleno e continuará as protestas mentres o alcalde manteña esa actitude. “O rexeitamento da lingua galega como sinal máis característico de Ourense, unha das principais capitais galegas, é unha mensaxe de autoodio, un exemplo de desprezo polo propio da principal referencia institucional da cidade”. A Mesa voltará todas as veces que cumpra para facer valer as obrigas que ten Xácome cara ao noso principal sinal de identidade.

Por último, o responsábel da asociación polo galego en Ourense, recomendoulle a Xácome a aplicación da  Guía para o uso do galego na Administración local (2019-2023) editada pola entidade e enviada a todas as concelleiras e concelleiros eleitos no pasado mes de maio, incluído o propio Xácome.

Entidades do Estado reclaman ao goberno español que “garanta os dereitos lingüísticos de toda a cidadanía”

Entidades que traballan pola normalización de linguas minorizadas presentaron esta mañá nun acto conxunto en Madrid o documento Igualdade lingüística: Liberdade, pluralidade e democracia e, nas vésperas dos comicios electorais, esixiron compromisos concretos aos partidos Madrid, 29 de outubro de 2019.- Oito entidades que traballan pola normalización de linguas minorizadas no Estado mostraron esta mañá […]

Entidades que traballan pola normalización de linguas minorizadas presentaron esta mañá nun acto conxunto en Madrid o documento Igualdade lingüística: Liberdade, pluralidade e democracia e, nas vésperas dos comicios electorais, esixiron compromisos concretos aos partidos

Madrid, 29 de outubro de 2019.- Oito entidades que traballan pola normalización de linguas minorizadas no Estado mostraron esta mañá nun acto conxunto en Madrid a súa preocupación polas mensaxes que están a difundir algúns partidos políticos e “pola maior vulneración dos dereitos lingüísticos que sufrirían os falantes de linguas minorizadas no caso destes partidos chegaren ao poder” e reclamáronlle ao goberno español e ao resto dos axentes políticos “compromisos concretos” que garantan os dereitos lingüísticos da cidadanía.

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Paul Bilbao Sarria, de Kontseilua (Euskal Herria); David Minoves, de Ciemen e Francesc Marco, de Plataforma per la Llengua (Cataluña); e Eva Terol, de Acción Cultural del País Valencia (País Valenciá) presentaron ante os medios de comunicación as catro premisas e os seis compromisos consensuados con outras entidades do Estado como Ómnium Cultural, Nogará (Aragón) e Iniciativa pol Asturianu (Asturias) e recollidos no documento colectivo Igualdade lingüística: Liberdade, pluralidade e democracia co obxectivo de que os partidos políticos os tomen en consideración de cara á próxima lexislatura.

“Hoxe en día”, afirmou Paul Bilbao, “o castelán e as linguas minorizadas están en desequilibrio”. “Para conseguir a igualdade, a liberdade e a democracia”, engadiu Francesc Marco, “é necesario -entre outras cousas- recoñecer os mesmos dereitos e deberes, contratar persoal capacitado nas linguas minorizadas; normalizar o uso das linguas minorizadas na administración de xustiza ou dar fin á imposición a través da lei que se fai do castelán”. “A imposición que existe da lingua española”, asegurou Eva Terol, “repercute, por exemplo, na imposibilidade de facer trámites obrigatorios como pagar impostos, multas ou a seguridade social nunha lingua diferente do español ou a negación de bolsas e axudas con documentos presentados en lingua non española”. “Tal e como sinalou varias veces o Comité de Ministros do Consello de Europa”, recordou Marcos Maceira, “hoxe en día é preciso mudar a lexislación do poder xudicial para garantir realmente o dereito á defensa dos e das falantes das linguas minorizadas”. “As discriminacións lingüísticas no Estado español en pleno século XXI aínda se publican no BOE”, lembrou Maceira.

Os representantes das oitio entidades asinantes do documento explicaron a razón de faceren esa comparecencia en Madrid: o Congreso e o Goberno que xurdan dos próximos comicios do día 10 serán determinantes para garantir que toda a cidadanía poida vivir realmente na lingua propia do seu territorio. “Cremos que ante a onda de ameazas que vivimos debemos crear un dique de contención que blinde o dereito a vivirmos nas nosas linguas”, afirmou David Minoves, “e para iso fai faltan compromisos concretos e vir a Madrid é a maneira máis directa de facer o chamado á acción das forzas políticas do conxunto Estado”.

As entidades adiantaron que enviarán unha copia do documento aos partidos políticos para se posicionaren publicamente con respecto aos compromisos solicitados. Ademais, unha vez se constitúa o Congreso dos Deputados, pedirán unha reunión co novo ou coa nova presidenta para explicarlle a proposta. “Os partidos políticos non poden ser espectadores ante as ameazas que están a realizar para pór en marcha medidas que imposibiliten o dereito vivir nas nosas linguas. É momento de se mollar” concluiu Minoves.

Por último apresentaron a páxina web na que se atopa o manifesto e anunciaron unha campaña de adhesión. A versión en galego é www.igualdadelinguistica.gal

A rede europea pola igualdade lingüísitica insta a Xunta a garantir o uso do galego como lingua vehicular do ensino

A Asamblea Xeral de ELEN, que celebra hoxe na Bretaña, amosou a súa preocupación polo descoñecemnto do galego en menores de 15 anos e pola vulneración dos dereitos lingüisiticos. O próximo encontro da entidade europea celebrarase en Galiza a finais de novembro de 2020 Roazhon, 26 de outubro de 2019.- A cidade de Roazhon (Rennes), […]

A Asamblea Xeral de ELEN, que celebra hoxe na Bretaña, amosou a súa preocupación polo descoñecemnto do galego en menores de 15 anos e pola vulneración dos dereitos lingüisiticos. O próximo encontro da entidade europea celebrarase en Galiza a finais de novembro de 2020

Roazhon, 26 de outubro de 2019.- A cidade de Roazhon (Rennes), na Bretaña, acolle esta fin de semana a Asemblea Xeral da Rede Europea pola Iguldade das Linguas (ELEN), na que participa unha delegación da Mesa pola Normalización Lingüística formada por Isabelle Kerdudo e Neal Baxter. Este organismo aprobou, a proposta da entidade galega de defensa dos dereitos lingüísticos, una resolución na que amosa a súa preocupación polo descoñecemento da nosa lingua en menores de 15 anos e insta a Xunta a garantir o uso do galego como lingua vehicular en todas as etapas do ensino. Fernand de Varennes, relator especial para as minorías da ONU, participou tanto nesta asemblea xeral como no Forum dos dereitos lingüísticos acollido polo Consello Rexional da Bretaña que a precedeu.

A Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) ten como obxectivo a busca de beneficios, a promoción e protección das linguas europeas menos utilizadas, traballar no sentido de igualdade e para ser unha voz para os falantes de linguas a nivel local, rexional, nacional, europeo e internacional. Representa 42 comunidades lingüísticas de 23 Estados europeos e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma parte, ademais, da Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU. A próxima Asamblea Xeral de ELEN celebrarase a finais do mes de novembro de 2020, en Galiza, segundo se aprobou hoxe mesmo por unanimidade.

Á venda as participacións da Lotaría de Nadal da Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa xoga este ano o número 67.031, en participacións de 2,50 euros. Dous euros xóganse nese número para o sorteo extraordinario da Lotaría de Nadal e 0,50 euros son para participar no sorteo dunha noite para dúas persoas en Budiño de Serraseca Turismo Rural, unha das empresas de Abertos ao Galego. Para comprares participacións, podes pasar polo […]

A Mesa xoga este ano o número 67.031, en participacións de 2,50 euros. Dous euros xóganse nese número para o sorteo extraordinario da Lotaría de Nadal e 0,50 euros son para participar no sorteo dunha noite para dúas persoas en Budiño de Serraseca Turismo Rural, unha das empresas de Abertos ao Galego.

Para comprares participacións, podes pasar polo local nacional da Mesa (Avenida de Lugo, 2A – entresollado A, de Santiago de Compostela) ou preguntares á responsábel da Mesa na túa zona. Para máis información podes escribirnos ao correo amesa@amesa.gal ou chamar ao número 981 563 885.

Homenaxe a Isaac Alonso Estraviz na Eira da Xoana

O vindeiro sábado, 26 de outubro, a Eira da Xoana fará unha homenaxe a Isaac Alonso Estravíz. O acto enmárcase nos recoñecementos iniciados no 2012 ás persoas que, unindo cristianismo e galeguidade, traballaron pola defensa do pobo e da súa autoorganización. Este ano 2019 o homenaxeado será ISAAC ALONSO ESTRAVIZ, pola súa contribución á lingua galega, nomeadamente […]

O vindeiro sábado, 26 de outubro, a Eira da Xoana fará unha homenaxe a Isaac Alonso Estravíz.

O acto enmárcase nos recoñecementos iniciados no 2012 ás persoas que, unindo cristianismo e galeguidade, traballaron pola defensa do pobo e da súa autoorganización.

Este ano 2019 o homenaxeado será ISAAC ALONSO ESTRAVIZ, pola súa contribución á lingua galega, nomeadamente á lexicografía co  seu Dicionário da língua galega. 

Os actos comezarán ás 14 horas, cunha comida comunitaria na Eira da Xoana. Cadaquén leva a súa. Non hai que anotarse, mais agradécese saber canta xente vai xantar para facer previsións e que todo resulte o máis agradábel posíbel.

As palabras e a música en honra do homenaxeado darán comezo ás 17 horas.  Pode participar quen queira facer un recoñecemento a Isaac.  É aconsellable que o tempo de cada intervención sexa breve (3 minutos); en todo caso, determinarase en función das persoas que queiran facer uso da palabra.

Reclamámoslle ao alcalde de Ourense que “deixe atrás o autoodio” e cumpra co seu deber de defensa e promoción do galego

Manuel Carniceiro recoméndalle a Xácome a lectura e aplicación da Guía para o uso do galego na Administración local (2019-2023) editada pola entidade en defensa da lingua  Ourense, 8 de outubro de 2019.- A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou esta mañá os continuos ataques á lingua galega realizados polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, […]

Manuel Carniceiro recoméndalle a Xácome a lectura e aplicación da Guía para o uso do galego na Administración local (2019-2023) editada pola entidade en defensa da lingua 

Ourense, 8 de outubro de 2019.- A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou esta mañá os continuos ataques á lingua galega realizados polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, desde a súa toma de posesión. Para A Mesa, declaracións como as realizadas con motivo do pregón das festas de San Francisco, cando comezou dicindo “vamos a hablar en español, que se entiende mejor que el gallego”, son absolutamente vergoñentas e impropias do máximo representante da terceira cidade galega.
“O rexeitamento da lingua galega como sinal máis característico de Ourense, unha das principais capitais galegas”, o responsábel da Mesa en Ourense, Manuel Carniceiro, “é unha mensaxe de autoodio, un exemplo de desprezo polo propio da principal referencia institucional da cidade”. “Se actúa así nalgo tan básico e elemental como a lingua”, pregúntase Carniceiro, “como será no resto de cuestións que afectan á cidadanía?”.
A denuncia desta mostra de odio á lingua galega está a ser tramitada a través do servizo A Liña do galego, que xunto á Valedora e a Secretaría Xeral de Política Lingüísitica, se dirixirá directamente á propia alcaldía para que a rectificación teña consecuencias prácticas a través do cumprimento das obrigas de promoción e defensa da lingua galega á que están obrigados todos os poderes públicos de Galiza.

A este respecto, o responsábel da Mesa na cidade recoméndalle ao alcalde “como bo tratamento para deixar atrás o autoodio” que lea e aplique a Guía para o uso do galego na Administración local (2019-2023) editada pola entidade e enviada a todas as concelleiras e concelleiros eleitos no pasado mes de maio, incluído o propio Xácome.

Axentes de defensa das linguas minorizadas demandarán compromisos concretos aos partidos políticos de cara ao 10N

A Mesa pola Normalización e outros axentes sociais que traballan pola normalización das linguas propias do Estado realizaron esta mañá unha reunión de traballo en Valencia na que concretaron liñas de traballo de cara ás próximas eleccións. Entre outras, unha comparecencia en Madrid a finais de mes Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019.- […]

A Mesa pola Normalización e outros axentes sociais que traballan pola normalización das linguas propias do Estado realizaron esta mañá unha reunión de traballo en Valencia na que concretaron liñas de traballo de cara ás próximas eleccións. Entre outras, unha comparecencia en Madrid a finais de mes

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019.- O 10 de abril de 2019, A Mesa pola Normalización Lingüística e outras entidades que traballan en defensa do aragonés, do asturiano, do catalán, do galego e do euskara presentaron en catro roldas de prensa simultáneas en diversos puntos do Estado o documento Pluralidade lingüística: liberdade, igualdade e democracia, no que recolleron diversos compromisos que deberían tomar os partidos políticos. “Hoxe en día existe un desequilibrio entre o castelán eta as linguas minorizadas”, explica o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “e, por tanto, para conseguir igualdade, liberdade e democracia, é necesario, entre outras cousas, recoñecer idénticos dereitos deberes a toda a cidadanía, contratar na administración pública persoal capacitado nas linguas minorizadas, normalizar o uso das linguas minorizadas nos xulgados e dar fin á imposición do castelán a través das normas. Ese é o eixo dos compromisos que redactamos”.
Varios partidos políticos adiantaron que se chegan ao Goberno teñen intención de tomar medidas para restrinxir os dereitos lingüísticos da cidadanía que quere vivir en linguas propias. “Por iso, non queremos dirixirnos a eses partidos”, afirma Maceira, “demandamos ao resto do arco parlamentario que fagan seus os compromisos recollidos no documento”. Para conseguilo, na reunión de hoxe decidiron pór en marcha diferentes dinámicas para socializar o contido do documento e recoller compromisos concretos dos partidos políticos, entre outras, realizarán unha comparecencia conxunta en Madrid a finais de mes.

A crise do galego podería reverterse se a Xunta acompañase a mobilización social

A Mesa analizou esta mañá en rolda de prensa os datos da enquisa sobre o uso do lingua publicada polo IGE o pasado vernres, que visibilizan as dramáticas  consecuencias da aplicación do Decreto do plurilingüismo no ensino Marcos Maceira, presidente da entidade, defende que o aumento da xente que escribe habitualmente en galego reflicte un […]

A Mesa analizou esta mañá en rolda de prensa os datos da enquisa sobre o uso do lingua publicada polo IGE o pasado vernres, que visibilizan as dramáticas  consecuencias da aplicación do Decreto do plurilingüismo no ensino

Marcos Maceira, presidente da entidade, defende que o aumento da xente que escribe habitualmente en galego reflicte un aumento da vontade social e da práctica reparadora por parte da poboación máis consciente.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2019.- A Mesa pola Normalización Lingüística analizou esta mañá en rolda de prensa os resultados da enquisa sobre Uso habitual e inicial do galego feitos públicos o pasado venres polo IGE. Sara Seco, técnica do observatorio de dereitos lingüísticos, e mais Marcos Maceira, presidente da entidade, afirmaron que “a lingua galega está en crise” e que “se non fora pola mobilización social, estariamos nunha situación de desastre lingüístico”. “A situación de crise que vive o galego”, matizan, “podería reverterse se a Xunta acompañase a vontade social de reparación lingüística que amosan os datos da enquisa”.

Os datos feitos públicos polo IGE confirman a perda continuada de falantes, especialmente no ámbito urbano, e mais unha fonda diglosia nas relacións sociais. “O ámbito familiar é no que máis se usa a lingua galega” explicou Maceira, “e descende un 15% fóra do fogar”. Os datos reflicten unha importante fenda entre o número de persoas que empregan só o galego na súa esfera privada (34,12%) e aquelas que o fan en servizos docentes (23,48%), sanitarios (27,88%), administrativos (29,30), bancarios (28,72%) ou comerciais (30,27%). “Unha situación favorecida”, denuncia o presidente da Mesa, “pola sistemática vulneración de dereitos lingüísticos e pola exclusión do idioma de Galiza de grande parte dos ámbitos de uso e pola imposibilidade de devolución, oral ou escrita”.

O 24% das e dos menores de 15 anos non saben galego
“Esta nova enquisa do IGE proporciona un novo dato aterrador sobre as consecuencias do mal chamado decreto de plurilingüismo”, recorda Maceira. No tramo de idade no que se aplica o decreto, entre 5 e 15 anos, o 30,04% recoñecen non saber escribir galego, o 18,32% non saber lelo e o 23,9 % non saber falalo, o que supón un incremento do 8,42%, do 4,06%, e do 7,6% (respectivamente) sobre os datos recollidos no 2008, ano da última enquisa anterior á entrada en vigor do decreto contra o galego. “Por primeira vez na Historia”, afirma Maceira, “un estudo indica que un de cada catro estudantes de primaria e secundaria en Galiza non sabe falar galego”. Dende A Mesa, advírtese de que a única maneira de reverter esta situación é garantindo o galego como a lingua vehicular de todos os tramos educativos, posibilidade anulada polo Decreto do Plurilingüismo, con consecuencias terríbeis para o alumnado galego.

Pódese reverter a situación: a escrita en galego como práctica reparadora

A enquisa amosa a vontade dunha importante parte da poboación galega por manter o uso da súa lingua a pesar dos impedimentos. A Mesa destaca, especificamente, o aumento das persoas que escriben en galego como un acto consciente que nalgúns ámbitos pode ter consecuencias, recordando a polémica pola discriminación das linguas minorizadas do Estado nos Premios Arquímedes ou as dificultades para comunicarse por escrito coa Administración do Estado. “Escribir en galego a pesar das limitacións”, asegurou o presidente da Mesa, “é unha acción de reposición e rehabilitación da lingua, indicativa da conciencia da necesidade e da práctica reparadora”.
Existe unha enorme vontade social de manter a lingua, que non se ve correspondida pola presenza real nin conta co amparo do goberno galego. “O único amparo ás e aos galegofalantes”, asegura Marcos Maceira, “provén da propia sociedade, de centos de entidades sociais, entre elas da Mesa pola Normalización Lingüística, que ofrece o único servizo de atención a queixas, consultas e parabéns relacionadas co uso do galego, A Liña do Galego.” “O mantemento e crecemento desta conciencia e da mobilización social ampla a favor do galego é a garantía de futuro para a lingua”, recorda.
Como principal entidade de defensa do galego, con arredor de 4000 socias e socios, A Mesa pola Normalización Lingüística actuará, na medida das súas posibilidades, para mudar a situación de crise que vive a nosa lingua cunha campaña informativa por todo o país, especialmente no 10º aniversario do decreto con Queremos galego, e mais sumando esforzos dentro e fóra do Estado español na defensa dos dereitos das persoas falantes de linguas minorizadas. Neste sentido, a entidade anuncia que a quinta feira (xoves) 3 de outubro participará nunha xuntanza con entidades do resto do Estado na que se avaliarán posibles accións conxuntas de cara ás proximas eleccións. E, no día a día, continuarán as accións normalizadoras a través da Liña do galego, Abertos ao galego, Correlingua ou Queremos Galego. A principal entidade de defensa do galego só recebe un 20% de axuda pública e, polo tanto, depende das socias e socios para o seu funcionamento habitual.
Doazóns

Realiza unha achega económica puntual para axudar no funcionamento da asociación. Colabora aquí

Ler máis
Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis