A defensora da audiencia da canle pública asegura que nos informativos estatais deben empregar sempre os topónimos en castelán, ignorando a lexislación autonómica e a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo ao respecto
A defensora da audiencia de TVE respostoulle a unha cidadá galega que protestou polo uso do topónimo deturpado de “A Toxa” nun programa da canle pública asegurando que, segundo os servizos xurídicos da corporación pública, o nome da Toxa non aparece no rexistro de entidades locais, pretendendo facer pasar a illa arousá por un concello e obviando que, aínda que así fose, o artigo 10 da LNL continúa en vigor.
TVE afirma na súa resposta formal á espectadora galega que o seu Manual de Estilo a obriga a ser “especialmente escrupulosa en el respeto a la toponimia conforme a la legalidad vigente”, pero defende que “cuando se trate de localidades que poseen oficialmente dos nombres, uno en castellano y el otro en la lengua cooficial, pero ninguno ha sido cambiado mediante una ley de las cortes generales, se deberá emplear el más utilizado por la audiencia, (si es el informativo nacional, se debe usar el castellano) sin que se deba nombrar con los dos nombres en paridad de valor”.
A Mesa pola Normalización Lingüística vén de se dirixir á defensora da audiencia, para informala a ela e aos servizos xurídicos da corporación pública sobre a lexislación aprobada hai case 40 anos, ademais da xurisprudencia do TC e do TS, que afirma a plena validez do artigo 10 do artigo da LNL que sinala que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega” e engade que “corresponde á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galiza”.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, afirma que dende a entidade de defensa da lingua “queremos pensar que o uso interesado e errado que os servizos xurídicos e a propia defensora da audiencia fan da lexislación para argumentar a favor da deturpación toponímica non está baseada na mala fe, senón na ignorancia sobre todo canto ten a ver con Galiza, as nosas institucións, as mudanzas lexislativas operadas hai case 40 anos e a xurisprudencia que as asentou”. “Esta ignorancia”, sentencia Maceira, “é especialmente grave ao se tratar dun servizo público de televisión, dependente do Estado e financiado tamén co diñeiro das galegas e galegos e que debe dar sempre información veraz”.
Neste sentido, A Mesa aproveitou a resposta á TVE para informala tamén dos incumprimentos reiterados da lexislación audiovisual nas porcentaxes de uso do galego e diposñibilidade de contidos en galego para menores de 12 anos. “Porén”, afirma Maceira, “se non se actualizaron nos últimos 40 anos comprendemos as dificuldades para o faceren sobre o último ano mais, lembran, o descoñecemento das leis non exime do seu cumprimento”.
A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.