Recordámoslle á entidade responsábel da elección do adicatorio que a crise provocada pola Covid-19 limitou a planificación da actividade do asociacionismo cultural galego este 2020 e que mesmo actos previstos por institucións culturais para este mes foron finalmente anulados polas restricións sanitarias
Compostela, 15 de outubro de 2020.- A Mesa pola Normalización Lingüística reiterou esta mañá a súa petición formal á Real Academia Galega para “alongue” ao 2021 a dedicación do Día das Letras galegas a Ricardo Carvalho Calero. A entidade de defensa da lingua recordoulle á RAG, entidade responsábel da elección do adicatario desta data, que as circuntancias sanitarias en relación á homenaxe a Don Ricardo Carvalho Calero neste 2020 non melloraron nesta última parte do ano.
“Se ben os centros de ensino abriron no mes de setembro”, indica a carta que o presidente da Mesa, Marcos Maceira, no escrito que lle dirixe ao presidente da RAG, Vítor F. Freixanes, “non o puideron facer en condicións normais e na grande maioría están restrinxidas a celebración de actos de todo tipo incluídas as actividades culturais”. “Como aínda recentemente expresou a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura”, engade, “a incerteza limitou a planificación da actividade do asociacionismo cultural galego”. “Mesmo actos preparados por entidades culturais ou mesmo institucións para este mes foron anulados por causa das restricións impostas pola autoridades sanitarias”, recorda.
“As circunstancias deste 2020 non dependen da Academia nen de ningunha outra institución”, remata a solicitude, “mais pensamos que hai posibilidade de paliar os efectos que está a ter a epidemia que sofremos nas decisións que tomemos e que D. Ricardo Carvalho Calero merece unha homenaxe completa, non parcial nen restrinxida. Por isto reiteramos a petición realizada de prolongar a 2021 a celebración do Día das Letras Galegas adicado a D. Ricardo Carvalho Calero”.