Pilar García Negro participa na actualización da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, trinta anos despois de coredactala

Pilar García Negro participa estes días en Barcelona na actualización da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos (DUDL), trinta anos despois de participar na súa redacción orixinal. Este proceso conta coa colaboración e co apoio da Mesa, que recorda esta declaración foi aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galiza e foi clave, tamén, na elaboración do protocolo e da ILP Lingua Vital.

O Institut d’Estudis Catalans (IEC) acolle hoxe e mañá  a primeira xuntanza dos comités internacionais encargados desta revisión, nos que participan corenta especialistas de diversas procedencias e disciplinas que serán os encargados de estabelecer os criterios e a metodoloxía de traballo para renovar este texto de referencia internacional, proclamado tamén en Barcelona no outono de 1996.

García Negro intervén no comité de revisión, do que tamén forman parte, entre outros, Fernand de Varennes, antigo relator especial das Nacións Unidas sobre cuestións de minorías; e os sociolingüistas Joan Pujolar e Virginia Unamuno. Este comité funciona en paralelo ao de redacción, no que figuran a lingüista india Anvita Abbi; Elin Haf Gruffydd Jones (presidenta da Rede Europea para a Igualdade Lingüística, ELEN); a especialista en linguas indíxenas do Ártico Lenore A. Grenoble; e o lingüista uigur Abduweli Ayup. 

A actualización, impulsada polo Centro Internacional Escarré para as Minorías Étnicas e as Nacións (CIEMEN) e o PEN Català, pretende adaptar o marco internacional de protección dos dereitos lingüísticos aos retos sociais, políticos e tecnolóxicos do século XXI. A xuntanza de Barcelona marca o inicio da fase de traballo experto sobre o texto, despois da presentación pública do proxecto o 15 de abril de 2026 e da apertura do período de recollida de achegas.

O director do CIEMEN, Jordi Garrell, considera que actualizar a Declaración é “unha oportunidade para facer fronte a esta tendencia homoxeneizadora e reforzar a protección da diversidade lingüística”. Garrell tamén desta a necesidade de que o texto dea resposta a ámbitos como as redes sociais, as plataformas dixitais e a investigación, e que garanta o papel das linguas propias de cada comunidade na educación. A Declaración, engade, debe proporcionar ferramentas técnicas e doutrinais para que os estados, as comunidades e as entidades poidan defender e facer efectivos estes dereitos.

Pola súa banda, Joan Ferrarons, membro do Comité de Dereitos Lingüísticos do PEN Català, explica que o obxectivo é levar o texto ás Nacións Unidas e que “se converta nun instrumento legal vinculante internacional”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra