CC-BY-NC-SA-PontevedraViva

Pontevedra apoia a proposta da Mesa de impulsar a lingua desde os concellos

CC-BY-NC-SA-PontevedraViva
CC-BY-NC-SA-PontevedraViva

A Mesa pola Normalización Lingüística continuou esta mañá en Pontevedra a súa rolda de entrevistas cos novos gobernos municipais para abrir unha “nova etapa” na política lingüística “co impulso dos concellos”. Marcos Maceira e Paulo Filgueiras mantiveron esta cuarta feira un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de normalización, Alberto Oubiña, para lles trasladar as propostas da Mesa encamiñadas a impulsar a normalización do galego desde a administración local.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, salientou que Pontevedra “xa vén aplicando” moitas das medidas de mínimos que desde a entidade en defensa da lingua están a lle trasladar aos concellos, o que exemplificou na referencial Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística que desde hai anos funciona na cidade e que supón un excelente punto de partida para continuar avanzando na promoción do galego no Concello. Maceira reiterou a importancia de que a administración local adopte un “compromiso real” coa lingua galega e que non cómpre máis que vontade política para pór en marcha accións concretas para a normalización do idioma que repoñan o galego en todos os espazos dos que foi excluído.

Entre elas, o responsábel da Mesa destacou a atención ao público dos funcionarios en galego, que as empresas que traballen para a administración fagan uso do idioma propio de Galiza, que todas as actividades se desenvolvan en galego, incluídos os concursos, ofertas e redacción de estudos técnicos, o impulso do servizo de normalización lingüística ou a utilización do galego nas escolas infantís municipais.

Maceira, que explicou que estas propostas están tendo un “acollemento moi bo” entre os concellos, celebrou que Pontevedra se convertese nos últimos anos no “gran referente” da cultura en Galiza “e co galego como bandeira”, e manifestou o seu desexo de que este exemplo se estenda agora que, logo das eleccións do pasado 24 de maio, “hai máis alcaldes nas cidades falando galego que tres semanas atrás”.

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores reiterou a “total disponibilidade” do Concello de Pontevedra para continuar a colaborar coa Mesa e traballar pola normalización do uso do galego en todos os ámbitos da vida, pondo en valor e prestixiando un idioma que “nos identifica e nos une”. Neste sentido, o alcalde afirmou que o goberno municipal seguirá a traballar para aumentar a presenza do galego nas relacións co comercio, os veciños ou as asociacións culturais.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra