A Mesa inicia no Parlamento de Galiza, acompañada por todas as forzas políticas, unha campaña para exixir que a nova lei iguale para a nosa lingua as cotas estabelecidas para o castelán nas plataformas dixitais, tal e como contemplaba a iniciativa Xabarín aprobada por unanimidade o pasado mes de maio
Compostela, 27 de setembro de 2021.- Representantes do Partido Popular de Galicia, do Bloque Nacionalista Galego e do Partido Socialista de Galicia amosaron esta mañá xunto coa Mesa pola Normalización Lingüística no Parlamento de Galicia a petición unánime das forzas políticas galegas para que a nova lei xeral de comunicación audiovisual que ultima o goberno estatal inclúa o galego nas medidas de protección da dobraxe, da lexendaxe, das audiodescricións e do financiamento anticipado establecidas para o español.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, agradeceu o acordo amosado neste punto polas forzas políticas galegas e recordou que a Lei do audiovisual que se debaterá en próximas datas no Estado é unha transposición dunha directiva europea que busca garantir a difusión e creación nas linguas europeas. “Sen audiovisual non hai futuro para ningunha lingua nin cultura”, abondou, “e por iso a lei fixará unha cota mínima de dobraxe, lexendaxe, audidescricións e financiamento de producións no Estado Español por parte das plataformas de emisión audiovisuais (5% de ingresos)”.
Neste sentido, a popular Raquel Arias puxo en valor a unanimidade amosada tanto na voltación parlamentaria da Iniciativa Xabarín como nesta solicitude actual perante a lei estatal e recordou a importancia trascendental que ten a presenza da nosa lingua no audiovisual global para un sector económico que xa supón un 2% do PIB galego.
A nacionalista Mercedes Queixas salientou, pola súa banda, o aval das máis de 33.000 sinaturas coas que chegou a Iniciativa Xabarín ao Parlamento galego, “que demostraban o pulo social exemplar que merecía o acordo unánime dos partidos políticos desta cámara”. E a socialista Noa Díaz destacou a importancia deste consenso social e político que pide desde Galiza “a igualdade” entre as linguas oficiais dun Estado plurilingüe e explicou que confía que o proxecto que se presentará ao longo dos próximos días recolla “as modificacións que se solicitan, desde Galicia e desde outros territorios”.
A Mesa pola Normalización Lingüística enviou o pasado 10 de xullo as alegacións correspondentes á Lei Xeral de Comunicación Audiovisual á Secretaría de Estado de Telecomunicacións, solicitando o recoñecemento da pluralidade lingüística como principio básico; o estabelecemento dunha porcentaxe idéntica ao castelán nos contidos mínimos en galego e nas outras linguas cooficiais tanto para televisión como plataformas dixitais como Netflix, HBO, Disney+ ou Prime Video e mais no deber de financiamento antecipado a obra audiovisual europea; a incorporación do galego e das outras linguas cooficiais nos subtítulos, dobraxes e audiodescripcións, nos mesmos contidos que o castelán; a consideración da lingua galega como contido de interese xeral en audio ou texto escrito (dobraxe, subtítulos, audidescricións); que webs e outras interfaces de comunicación dixital coa persoa usuaria ou cliente incorporen as linguas oficiais; e asegurar a reciprocidade con Portugal.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que dos 25872 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés pero só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua. “Esta oportunidade de mudalo é única”, remata Maceira, “o pobo galego unido é imparábel. Afrontamos esta oportunidade nas mellores condicións posíbeis: cun acordo unánime das forzas políticas e sociais galegas. A unidade é garantía de éxito.”