Presentación de “Liberdade para o galego” en Ferrol

Cuarta feira (mércores), de novembro

19.30. Antigo Hospicio

Interveñen:

  • Marcos Maceira Eiras (coautor e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística)
  • Elsa Quintas Alborés (coautora e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística)
Existe liberdade para o galego? Abonda coa propia vontade para facer uso da lingua do país? Ou existen impedimentos materiais, situacións de coaccións ou condicionantes de calquera tipo que obstaculizan o seu libre desenvolvemento? Pode materializarse o seu uso en todos os ámbitos? Ten a presenza necesaria para aseguralo? Podemos dispor dela en todo e para todo?
Son cuestións que á vista dos últimos datos coñecidos voltan ao debate público como se visibilizará na convocatoria nacional pola lingua feita pola plataforma Queremos Galego para o 17 de novembro na praza da Quintana de Compostela
En Liberdade para o galego, Marcos Maceira e Elsa Quintas (presidente e vicepresidenta da Mesa) tentan achegarse a estas cuestións en relación aos principais ámbitos da vida social, especialmente daqueles en que existen compromisos adquiridos polo Estado ou acordos alcanzados por todas as forzas políticas en Galiza. Advirten, para comezar, que de xeito incompleto. A exclusión e as limitacións para o galego son tantas que nen teríamos espazo para entrar en todas elas.

A liberdade para o uso do noso idioma está condicionada a se manter sempre baixo a subordinación e secundarización respecto do español. Non é unha afirmación abstracta. Tal e como se puido contrastar en cada un dos informes periódicos solicitados á Mesa pola Normalización Lingüística polo Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas ou, en 2019, do Relator especial da ONU para os dereitos da minorías, e que foron a base inicial deste traballo.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra