O aplicativo é gratuíto e está dispoñíbel en Android e Ios
Marcos Maceira: “hoxe damos un paso máis para parabenizar e recoñecer o esforzo de quen usa o galego con normalidade, e para denunciar as agresións que padecemos por usar a nosa lingua propia”
Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2016-. A Mesa pola Normalización Lingüística presentou hoxe en Santiago a App A Liña do Galego, coa que melloran o servizo de asesoramento, queixas e parabéns, que a entidade en defensa da lingua presta de xeito gratuíto desde 2007.
O obxectivo deste aplicativo é proporcionar unha nova forma de comunicación coa Liña do galego, que permita o envío de queixas e parabéns dunha forma sinxela, rápida, segura e cómoda. Unha ferramenta destinada a persoas que fan a elección de vivir en galego, que queren atopar o galego en calquera lugar, que sosteñen o desexo de vivir en galego e que queren mostrar as dificuldades para avanzar mais tamén recoñecer e arroupar quen co seu esforzo, e sen ningún tipo de colaboración da administración, fai que o galego exista.
Como usar o Aplicativo?
O aplicativo pode ser descarregado da Play Store e da Apple Store. Unha vez descarregado, a usuaria ou usuario ten que se rexistrar. Para o envío de queixas e parabéns só hai que cubrir un sinxelo formulario e adxuntar fotografía, arquivo ou documento.
Aínda que a Mesa non admite denuncias anónimas, garante a confidencialidade e anonimato de todos os datos.
Agradecemento ás socias e socios, colaboradores e colaboradoras da Mesa
A presentación tivo lugar no espazo enocultural Vide, Vide! de Santiago, ao que A Mesa recoñeceu polo seu uso normal do galego xunto a diferentes marcas de viño. O presidente da entidade, Marcos Maceira, agradeceu a existencia do aplicativo en primeiro lugar aos case 5000 socios e socias da Mesa “ que mateñen vivo o proxecto de activismo a favor da lingua galega, co seu esforzo persoal e tamén coas principais achegas económicas que permiten a existencia de iniciativas tan importantes como A Liña do galego”.
En segundo lugar Maceira destacou “ás únicas entidades públicas que en maior ou menor medida colaboran co traballo da Mesa”, os concellos de Allariz, Arzúa, A Capela, Manzaneda, A Pobra do Brollón, Poio, Pontecesures, Rianxo, San Sadurniño, Teo e Pontevedra.
Por último resaltou a calidade da App grazas ao traballo de Imaxin Software, empresa qu tamén destaca polo compromiso lingüístico no ámbito das novas tecnoloxías.
Segundo indicou ferramentas como a Liña do galego son imprescindíbeis para visibilizar a situación real do galego, axudar que axuda á normalidade da lingua, mais tamén denunciar que só poñen atrancos, exclúen e discriminan quen só utiliza a súa lingua no seu país. Sinalou tamén que a inexistencia de axuda ou colaboración pública, agás os concellos mencionados, a servizos gratuítos de apoio á lingua como este é un caso único nos territorios con lingua propia oficial.
Informe da Liña do Galego
A Mesa, a través da Liña do galego, tramitou case 200 expedientes, maioritariamente de queixa por vulneración de dereitos lingüísticos, coas que elaborou o informe da Liña do Galego que xa foi presentado a organismos internacionais como o Consello de Dereitos da ONU, o Consello de Europa, ou recentemente no Parlamento Europeo.
Segundo afirmou o presidente da Mesa, a esta altura de ano,a Mesa xa igualou a cantidade de expedientes de todo o 2015, “o que demostra que cada vez exite máis conciencia dos dereitos lingüísticos, das discriminacións e da necesidade de ferramentas colectivos como A Mesa para garantir o uso normal do galego”.
Ligazón a vídeo de presentación da App https://www.youtube.com/watch?v=EMntWv3QvEU