A Mesa sinalou que desde a dirección do ente público se pretende que a CRTVG deixe de ter sentido ao contribuír a precarizar e sabotar a industria audiovisual galega e en galego, no canto de a impulsar, como veñen de denunciar os profesionais do sector.
Susana Méndez, vicepresidenta da asociación, declarou que: “ a CRTVG naceu tendo como misión promocionar, difundir e impulsar a lingua galega; o que se pretende con esta produción é dar un primeiro paso que sirva como escusa para a súa eliminación ou privatización”
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2013. – A Mesa pola Normalización Lingüística amosou a través dun comunicado a súa preocupación polas informacións que rodean a produción da serie El Faro, financiada maioritariamente pola TVG e coa participación de case todas as televisións da FORTA.
Neste sentido A Mesa amosou o seu apoio ao comunicado feito público pola Coordinadora de Profesionais do Audiovisual Galego -constituída pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Asociación de Guionistas de Galicia (AGAG), a Asociación de Técnicos do Audiovisual de Galicia (ATEGA) e a Asociación de Directores e Realizadores (CREA)- no que amais de denunciar a precarización das condicións laborais, o incumprimento dos convenios e a dinamitación dos prezos de mercado do sector, denunciaban que a serie “non se axusta aos principios de defensa e promoción da lingua e da identidade cultural polos que se ten que rexer a programación da nosa canle autonómica, tal e como se recolle na Lei de creación da CRTVG; tamén, e dun xeito absurdamente paradoxal, choca cos valores de defensa da diversidade cultural e lingüística nos que se basea a propia existencia das televisións públicas autonómicas” ao pretender ambientala nun contexto que busca deliberadamente ocultar calquera referencia á identidade cultural específica de cada unha das comunidades nas que se vai emitir.
Para a maior asociación cultural galega esta formulación non deixa de reflectir a política cultural acomplexada do PP, caracterizada pola vergoña cara ao propio, e lembran que precisamente as series de maior éxito da TVG foron e son as que parten sen complexos da nosa realidade cultural para artellaren tramas universais.
A asociación en defensa da lingua criticou duramente que a TVG pague a rodaxe dunha serie en español “con todas as necesidades que ten aínda o noso audiovisual e todas as carencias con que se encontra aínda a lingua que a TVG ten que defender: a galega.” Así, A Mesa considerou que a dirección do ente público pretende que a CRTVG deixe de ter sentido contribuíndo a precarizar e sabotar a industria audiovisual galega e en galego, en vez de a impulsar como é a súa obriga. Lembrou así mesmo que a Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual da Galiza regula os principios xerais de actividade audiovisual, establecendo no artigo 4.b “a promoción e difusión da cultura e lingua galegas” e no artigo 5 que “A Xunta de Galiza recoñece o carácter estratéxico do sector audiovisual pola súa importancia cultural, social e económica, como instrumento para a expresión e dereito á promoción e divulgación da cultura de Galiza, a súa historia e a súa lingua, como datos de autoidentificación”.
Baleirar de sentido a existencia da CRTVG
Así, desde A Mesa acusaron os responsábeis da CRTVG de baleirar de sentido a existencia do ente público galego, e ironizan: “Non temos previsto que Televisión Española, Mediaset ou Antena 3 comecen a producir series en galego a curto-medio parzo, se a TVG deixa de o facer, quen as vai producir?”
Neste sentido desde A Mesa pola Normalización Lingüística lembran que o propio Partido Popular abriu a porta á privatización das televisións autonómicas, levando esta medida no seu programa electoral, mudando a Lei Audiovisual no Consello de Ministros para o posibilitar, ao tempo que desde os seus medios afíns tratan de convencer á opinión pública duns supostos “custos inasumíbeis” das televisións públicas autonómicas en tempos de crise para a continuación, cinicamente, falar de “beneficios” na súa privatización.
Se neste debate a TVG non entrou no mesmo saco que Telemadrid ou Castilla-La Mancha TV é porque de momento ninguén dubida de que cumpre un importante papel en relación co galego, por ser o referente televisivo e audiovisual da nosa lingua propia. Por iso desde A Mesa sinalaron que se a TVG deixa de cumprir este papel estaría encetando o grave, triste e indesexábel camiño da súa futura desaparición.