Logotipo de "Agencia Tributaria"

Facenda / Que facer para recibirmos notificacións en galego?

O pasado 5 de abril facíase pública unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza pola que se obrigaba a Facenda a retrotraer ao inicio unha serie de acción cometidas contra un cidadán que reclamara ser notificado en galego en todo o proceso.

Esta sentenza, gañada a través dos servizos xurídicos da Mesa pola Normalización Lingüística, obriga ás Administracións a garantir o dereito á atención en galego e ademais terán que o facer sempre que fosen previamente advertidas. Este dereito está previsto no artigo 15.1 da Lei 39/2015 que regula o procedemento administrativo común das admons públicas, coa advertencia de que o seu incumprimento constitúe unha vulneración dun dereito do administrado que comporta a nulidade dos actos adminitrativos que teñan lugar tras a devandita vulneración.

Para que nos atendan en galego temos que solicitalo expresamente. Se a atención é oral, debemos solicitarllo á empregada pública se non o fai de oficio. Se se trata dun procedemento ante unha administración do estado, tanto incoado de oficio como á nosa instancia, deberemos solicitalo expresamente á menor oportunidade, deixando claro que exercemos o noso dereito á escolla lingüística.

Por isto, desde a Mesa pola Normalización Lingüística animamos a cubrir o formulario dispoñíbel nesta ligazón e envialo a todas as administracións (nomeadamente as do Estado: facenda, tráfico, seguridade social…), gardando copia por se for necesario empregala para calquera reclamación posterior. Temos que ser constantes e manternos firmes na defensa do noso dereito, pois non sempre é respeitado adecuadamente o noso dereito á escolla lingüística que nos asiste como administrada, sempre cun sorriso e nunca perder a paciencia.

Mais se se comete a vulneración do noso dereito, poderemos demandar asistencia e asesoramento legal á Liña do Galego, un servizo gratuíto que presta A Mesa pola Normalización Lingüística.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra