Queremos Galego acode aos tribunais ante a nova negativa do Concello de Santiago a autorizar a colocación dun palco para o acto final da manifestación deste domingo

Carlos Callón: “Non poderemos ter palco, mais teremos gorxas”

“O PP procura novas estrataxemas para evitar que a capital de Galiza acolla actos en defensa do idioma galego, despois do fracaso das súas tentativas co Correlingua e co pasado Día das Letras”

 

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2013.- O Concello de Santiago enviou hoxe unha nova comunicación á plataforma Queremos Galego na cal denega absolutamente a posibilidade da colocación dun palco para o acto final da manifestación unitaria que, so o lema “Pola lingua que nos une. Queremos galego na escola” sairá este domingo ás 12 h desde a Alameda da capital de Galiza. A plataforma, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística e conformada por máis de 700 entidades, decidiu acudir aos tribunais para defender “a liberdade a podermos realizar actos en defensa do noso idioma na capital do noso país”.

 

O presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego, Carlos Callón, lembrou que “non é a primeira vez que acontece unha situación semellante desde que goberna o PP en Compostela”, pois xa tentaran evitar a realización da actividade escolar do Correlingua e tamén o acto final da manifestación do Día das Letras de 2012. “É triste constatar que ao PP lle proe que saiamos ás rúas da capital de Galiza en defensa do noso idioma e que procure todo tipo de subterfuxios para obstaculizar a mobilización da cidadanía”, sinala Callón.

 

A plataforma en defensa do idioma propio lamenta a “vocación censorial” do PP e sinala que, a pesar dos “paus nas rodas”, manteñen “mesmo con máis forza” a manifestación e o acto final na Praza da Quintana, aínda que sen palco, tras a prohibición do Concello. “Non teremos palco, mais si teremos gorxas, máis cargadas de forza e de razón”, advirte o presidente da Mesa, que lamentou que no escrito remitido hoxe polo concello, “ameazase con suspender o acto se a organización non cumpre co resolto polo goberno compostelán”.

 

A negativa do goberno municipal chega hoxe despois de que a plataforma cidadá solicitase a retirada da fianza de 600 euros que lle impuña se quería colocar un palco para o acto final. Queremos Galego argumentou perante o Concello de Santiago que a cantidade que reclamaba como fianza resultaba “excesiva”, visto que é unha entidade sen ánimo de lucro e que esta plataforma ten instalado palco nesa praza en moitas ocasións sen que constasen nunca ningún tipo de desperfectos, ademais de que segundo o artigo 110 da Ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública do Concello de Santiago “(…) poderase esixir a constitución dunha garantía a todas as persoas organizadoras e responsables (…), sen que a imposición desta fianza teña caracter prescritivo senón potestativo, polo que o Concello non ten a obriga de a exixir a entidades cidadás, e moito menos se o acto que se convoca ten relación co dereito de manifestación e a liberdade de expresión, ambos dereitos consagrados na xurisprudencia estatal e internacional como dereitos fundamentais.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra