A Mesa pola Normalización Lingüística

Queremos Galego apoia a folga convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público para o vindeiro día 9 de maio

Queremos Galego denuncia que a LOMCE recolle o peor da política centralista e españolizadora do PP, alén de ser discriminatoria e antidemocrática

Susana Méndez: “a LOMCE afonda no camiño xa iniciado polo goberno de Alberto Núñez Feijóo e o conselleiro Jesús Vázquez, que poñen todo o seu empeño en intentar conseguir a desaparición da nosa lingua do ensino e da vida cotiá en xeral”

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2013.- A Plataforma Cidadá Queremos Galego acordou no seu último plenario apoiar a folga convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público para o vindeiro día 9 de maio. Queremos Galego considera que o anteproxecto da LOMCE recolle o peor da política centralista e españolizadora que o PP está a levar a cabo desde Madrid e tamén aquí na Galiza, introducindo no ensino unha liña que afondará nas diferenzas no acceso á educación e que relegará a nosa lingua a un plano de maior inferioridade con respecto ao castelán.

 

Tal e como se explica no manifesto de convocatoria da folga, a LOMCE facilita ao alumnado a posibilidade de matriculación nun centro privado, pagado por todos e todas nós, para evitar a súa escolarización no noso idioma. É dicir, nos tempos da austeridade dedícase diñeiro público a fomentar a ignorancia da nosa lingua, impondo un modelo lingüístico que elimina o ensino en galego e invade as cativas competencias que temos coa intención de afastar totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística. Segundo Susana Méndez, coordinadora da xestora de Queremos galego, a LOMCE “afonda no camiño xa iniciado polo goberno de Alberto Núñez Feijóo e o conselleiro Jesús Vázquez, que poñen todo o seu empeño en intentar conseguir a desaparición da nosa lingua do ensino, e da vida cotiá en xeral”.

 

Neste sentido Susana Méndez indicou que “a xa coñecida como Lei da Wert-goña é un intento máis de, como di o ministro que a impulsa, ‘españolizar’ as nenas e nenos dos territorios con lingua propia, como é o galego, aumentando por lei a diferenza de estatus entre a nosa lingua (única propia de Galiza) e o español”.

 

Desde Queremos Galego! vimos denunciando este proxecto de lei por antidemocrático, centralista, discriminatorio e por ser un intento de silenciar ás persoas que temos linguas propias distintas do español, por este motivo apoiamos a folga convocada no ensino para o día 9 de maio e convidamos á participación activa na mesma, e a acudir ás mobilizacións convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (que se poden consultar no enderezo  web http://plataformagalegadefensaensinopublico.blogspot.com.es/2013/04/manifestacions-e-concentracions.html).

 

A plataforma cidadá Queremos Galego! engloba a máis de 700 entidades de todo o país que defenden a posibilidade dunha vida plena en galego, que defenden unha Galiza na que ningunha persoa se sinta “ESTRANXEIRA NA PROPIA PATRIA”, tal e como reza o lema escollido para a Manifestación convocada por esta Plataforma para o vindeiro 17 de maio (Alameda de Santiago, 12h), tamén para denunciar esta LOMCE e os seus perversos efectos para a nosa lingua.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra