Queremos Galego convoca un gran acto o 17 de novembro en Compostela, baixo o lema Mudemos de rumbo. Polo futuro do galego

A plataforma cidadá Queremos Galego convocou esta mañá en rolda de prensa un gran acto abertoa todas as entidades e persoas interesadas na defensa da lingua o vindeiro 17 de novembro en Compostela, baixo o lema Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego. Esta mobilización responde aos datos do IGE, que -en palabras do seu voceiro, Marcos Maceira- “certifican a emerxencia linguística extrema que vive a nosa lingua, como consecuencia de non se ter actuado sobre a expulsión e exclusión do galego de todos os ámbitos da vida social”. 

Marcos Maceira,  voceiro de Queremos Galego, denuncia a “expulsión e exclusión do galego de todos os ámbitos da vida social intensificada nos últimos 15 anos”, mencionando expresamente o decreto contra o galego no ensino, a modificación da lei da función pública e a  desaparición da programación infantil ampla e actualizada da TVG. “A todas estas accións”, recorda Maceira, “houbo resposta desde a sociedade. Queremos Galego advertiu reiteramente de cales ían ser as consecuencias e a súa posición foi escoitada, avaliada e avalada polo Consello de Europa e o relator da ONU”. “A Xunta teimou soa en conducirnos a esta situación”, lamenta.

“Bótanlle a culpa do desastre ás familias”, reprocha o voceiro de Queremos Galego, “e agora, tamén, á inmigración. Pero non é no ámbito privado onde está a capacidade de actuar da Xunta. A lingua é un feito social. A Xunta ten que actuar onde ten competencia, no espazo público, coa política: no ensino, na administración, nos servizos, no consumo, na xustiza, no audiovisual, na saúde… onde hai necesidade de galego, porque está ausente, foi expulsado”.

“Só pedimos que o galego estea en todo e para todo”, remata Maceira, “garantir que toda persoa que queira vivir en galego poida facelo sabendo que conta co amparo das leis e das institucións. Conseguir que todas as persoas que usan o galego se poidan manter sempre nel, sen coaccións nin presións de ningún tipo. E que todas as persoas que queiran dar o paso e instalarse en galego, podan facelo con toda normalidade e calquera espazo, con toda a disposición de galego que precisar”.

“Animamos ao Sr. Rueda e ao Sr. López Campos”, ironiza Maceira, “a facer a proba de tentar vivir en galego. Que proben a obter un consentemento informado no Sergas en galego, a obter atención en calquera servizo público. Que intenten transmitir a lingua aos seus fillos e fillas, ou porlles deseños animados, filmes ou series en galego. Se estivesen neste lugar actuarían doutro xeito”.

Neste sentido, Celia Armas, coordinadora de Queremos Galego e secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, concretou a solución na reactivación do grande acordo nacional pola lingua, o Plan Xeral de Normalización Língüística, aprobado por unanimidade e que podería ser “a base para a recuperación e rehabilitación do galego en todos os espazos”, “se a Xunta amosase a máis mínima vontade por aplicalo”. 

Armas recorda que reverter esta situación é posíbel, “co compromiso de todas e todos”. A Plataforma Queremos Galego anima a toda sociedade galega, entidades sociais de todo tipo e persoas a título individual a converter o acto de Compostela, o 17 de novembro, nunha grande convocatoria unitaria, “nun grande plenario de Queremos Galego“, para amosar que outro rumbo para o galego e posíbel, que “entre todas e todos podemos rectificar a historia e garantir futuro para Galiza e o galego”. A plataforma Queremos Galego habilitou un espazo na súa web para recoller apoios individuais e colectivos.

Nas fotografía da rolda de prensa aparecen: Artai Gavilanes (Erguer), Bieito Lobeira (BNG), Lucas Pardo (Erguer), Laura Borraxo (A Mesa), Luzía Sobrado (BNG), Xesús Bermello (CIG-Ensino), Marcos Maceira (Queremos Galego), Celia Armas (Secretaria Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística), Cesáreo Sánchez (AELG) e Manuel Rei (Asociación Sociopedagóxica Galega).

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra