Queremos Galego convoca unha concentración diante do TSXG de rexeitamento á sentenza contra o uso do galego na administración local

Terá lugar a quinta feira (xoves) 14 de abril ás 12h na Praza de Galiza da Coruña

 Santiago de Compostela, 05/04/2016-. A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 600 colectivos sociais de todo tipo, anunciou hoxe novas mobilizacións contra a sentenza do TSXG sobre a ordenanza de uso do galego en Lugo, que eliminou algúns aspectos fundamentais como o dereito da cidadanía a recibir atención en galego por parte de servizos contratados pola administración a empresas privadas.

Tras a convocatoria que xa tivo lugar diante do concello de Lugo o pasado 14 de marzo en apoio á ordenanza aprobada por unanimidade no pleno, Queremos Galego convoca para a quinta feira, 14 de abril ás 12h, unha concentración diante da sede do TSXG na Praza de Galiza da Coruña contra unha sentenza que, segundo indicou o portavoz da plataforma cidadá, Marcos Maceira, “ataca o uso do galego na administración municipal e nos servizos básicos privatizados” e “é un intento de provocar por vía xudicial o retroceso en dereitos lingüísticos que a sociedade galega está a impedir na vía política”.

 

O portavoz de Queremos Galego lembrou que a sentenza do TSXG elimina o dereito a utilizarmos o noso idioma con absoluta normalidade e a sermos atendidos e informados en galego en servizos privatizados. Ademais a sentenza suprime o artigo que declara o galego como lingua propia e oficial de Lugo por non estar subordinada ao castelán, e vir definida como lingua plena e de pleno dereito; elimina a rotulación en galego de oficinas e despachos, a sinalización viaria, o carácter normalizador das axudas e subvencións, ou cousas tan evidentes como a existencia dun ámbito lingüístico galego.

 

Esta convocatoria diante da sede do TSXG de rexeitamento á sentenza contra a ordenanza de uso do galego en Lugo, estará acompañada dunha campaña que terá como acto central a manifestación nacional convocada para o 17 de maio en Santiago

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra