Queremos Galego de Ferrol chama a acudir a Santiago de Compostela á manifestación en apoio á nosa lingua propia o Día das Letras Galegas


Será unha nova mostra de que a inmensa maioría desta sociedade desexa mil anos máis para o galego

Ferrol 13.05.2013 – Esta sexta feira (venres 17 de maio) Día das nosas letras, a plataforma cívica QUEREMOS GALEGO, composta por máis de 700 entidades sociais de todo tipo evidenciará novamente que a nosa sociedade rexeita as políticas de desprezo cara á nosa lingua impulsadas polo PP desde unhas administracións que ocupa obviando a obriga de defender os nosos dereitos e intereses.

 

A renuncia a utilizar esas administracións no noso proveito detéctase con só ollar como ocultan a evidencia de estaren a educar as novas xeracións en moito máis contacto co castelán que co galego, en moitas ocasións só co castelán, na procura de educalas na ignorancia da lingua propia de Galiza.

 

Nestas datas próximas ao Día das Letras Galegas, asistiremos a múltiples declaracións de boas intencións a prol do galego mais que no fondo evitan confrontar o actual proceso de substitución do galego polo castelán. Esta data tan sinalada, na capital galega, moitas persoas diremos alto e claro que esiximos a normalización da nosa lingua propia. Diremos alto e claro que non queremos ser estranxeiras na propia patria.

 

O portavóz da plataforma Xaquín Campo Freire, párroco de Mandiá, afirma “o desmantelamento da lingua galega é un delicto e xa que logo, de dispormos dunha cultura independente encausariamos ás persoas que desde a administración pública o están a desmantelar” así como que “o galego, do mesmo xeito que o resto das linguas do estado español, tería que ser difundido e promovido no conxunto do Estado como parte da riqueza común” En referencia expresa ao actual Presidente da Xunta lamentou que “tivera en tan pouca estima a súa procedencia rural”

 

As persoas que desexen participar nesta manifestación de apoio ao galego disporán de buses desde a nosa comarca. A información actualizada pódese consultar na web da plataforma Queremos Galego. Como salientou o tamén portavóz da plataforma, Victor Agulló “en especial temos que lle agradecer ao sindicato galego CIG que apoien esta manifestación axudando economicamente para dispormos dos buses, dando mostra de saberen pasar das boas intencións que sempre se amosan cando nos aproximamos ao Día das Letras Galegas a asumiren compromisos concretos”

 

O coordinador comarcal da plataforma, Carlos Outeiro, chamou a “participar a persoas que a diario utilizan o galego para todos os usos e en todas as actividades e tamén a persoas que total ou parcialmente desenvolven a súa actividade en castelán pois somos conscientes do esforzo que en ocasións supón vivir en galego na Galiza. O mellor xeito de comprobalo é dar o paso de utilizar o galego constantemente.”

Participaron na rolda de imprensa: ADEGA, A Mesa, A Revolta de Trasancos, Ateneo ferrolán, BNG, IU e Medulio.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra