Nunha rolda de prensa realizada onte advertiron do retroceso do galego na comarca.
Afonso Leal manifestou “a necesidade de nos mobilizarmos pola lingua que nos une, que é orgullo e patrimonio do noso país”
Queremos Galego do Deza organizou unha rolda de prensa para animar os veciños da comarca dezá a participaren o domingo 27 na manifestación que partirá ás 12.00 h da Alameda de Santiago de Compostela en defensa do galego, ao tempo que denunciaron a regresión palpábel do galego na comarca.
Afonso Leal, responsábel comarcal de Queremos Galego sinalou “a necesidade de nos mobilizarmos pola lingua que nos une, que é orgullo e patrimonio do noso país”.
Os responsábeis da plataforma no deza censuraron que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, rompese o consenso sobre a lingua e apostaron por unha normalización lingüística “verdadeira” para paliarmos a situación de indefensión na que vive o idioma galego.
Lembraron así mesmo que a mobilización conta co apoio de todas as agrupacións da comarca como Xenerais da Bandeira, Coto do Castelo de Graba, Adellís, Novo Cruceiro Rock de Cruces, O Naranxo, Focucu, A Tarabela, Bico da Balouta de Agolada, Mocidade Kambota de Rodeiro ou Xeración Nós de Borraxeiros.
Quen queira anotarse para asistir de forma conxunta a Santiago de Compostela este domingo poden facelo a través do perfil de facebook de “Queremos Galego Deza” e tamén no correo electrónico queremosgalegodeza@gmail.com.