A plataforma cidadá Queremos Galego mantivo hoxe unha reunión coa presidenta do Consello da Cultura para expor os puntos mínimos e medidas urxentes baseadas no PXNLG, na Carta Europea das Linguas e nas recomendacións do Consello de Europa, que se deben aplicar para comezar a reverter a situación do galego. Durante a semana, Queremos galego xa mantivera reunións con Ana Pontón, portavoz do BNG, e Paulo Carril, Secretario xeral da CIG. Nos próximos días está previsto que a Plataforma se reúna con outros partidos, sindicatos e colectivos.
No encontro desta mañá, ao que asistiron o presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira; a Vicepresidenta da Mesa, Elsa Quintas; a directiva da CTNL Fátima Souto; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; os membros da Plataforma insistiron na vixencia dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización Lingüística de Galicia e na necesidade de fixar un calendario de aplicación para esta lexislatura, que contemple actualizacións e os recursos materiais e humanos necesarios.
Os ámbitos nos que Queremos Galego contempla as medidas urxentes son: ensino, administración e servizos públicos, actividades económicas e comerciais e cultura e lecer. “Os poderes públicos deben asegurar que calquera persoa que queira vivir en galego saiba que conta co ampara da lei e das institucións”, insistiu a vicepresidenta da Mesa, Elsa Quintas. Mentres que o presidente da Mesa e voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, recordou que “o grande apoio social a esta demanda visibilizarase no grande acto que está a organizar Queremos Galego para o 17 de novembro en Santiago”.
Na reunión, a presidenta do Consello da Cultura tamén foi informada da denuncia sobre a situación do galego presentada perante o Consello de Dereitos da ONU e que será tratada no Exame periódico universal ao Estado español que terá lugar en Xenebra o 30 de abril. “Se Xunta realmente ten vontade de comezar a actuar para mudar de rumbo e garantir o futuro do galego”, afirma Maciera, “debe ter en conta ás entidades sociais”. “Para ser críbel e eficaz”, recorda, “calquera proceso neste sentido debe ser transparente”. Así o foi na elaboración en 2004 do PXNLG e así o recomenda o Consello de Europa. “Non fai sentido quen entidades como A Mesa sexan atendidas e consultadas polo Consello de Europa”, remata, “mais a Xunta fose incapaz até hoxe de contestar sequera as solicitudes de reunión da Mesa pola Normalización Lingüística”.

