A plataforma cidadá pola defensa da nosa lingua, composta por máis de 600 entidades, publica na súa páxina web unha petición aberta ao presidente da Xunta na que lle recorda que “desprezar o galego, excluíndoo de mensaxes de tanta relevancia, non só non contribúe á loita contra a epidemia, senón que incide en prexuízos ideolóxicos sobre a nosa lingua e sobre Galiza”
Queremos Galego pídelle a Feixoó que “exerza de presidente” e tome todas as medidas necesarias para preservar a integridade e a saúde da cidadanía galega, ofrecéndolle información clara e precisa, na súa lingua, sobre a epidemia do Coronavirus. A plataforma cidadá de defensa da lingua, composta por máis de 600 entidades, recorda nunha petición aberta a través da súa páxina web á que se pode adherir a cidadanía, que en momentos tan graves como o que estamos a vivir “precisamos unidade e esperanza no futuro” e ofrecen a súa colaboración para construír esta unidade e este futuro, na lingua propia.
Probabelmente, apuntan dende a plataforma, as comparecencias e mensaxes do Presidente da Xunta estes días sexan as de maior importancia no exercicio da súa responsabilidade. “Desprezar o galego, excluíndoo de mensaxes de tanta relevancia”, aseguran, “non só non contribúe á loita contra a epidemia, senón que incide en prexuízos ideolóxicos sobre a nosa lingua e sobre Galiza”. Queremos Galego denuncia que na crise do Coronavirus, a nosa lingua está a ser excluída da maior parte das informacións e mensaxes das autoridades públicas, tanto en comparecencias como en insercións publicitarias, incluídas as intervencións do presidente da Xunta que abandona o uso do noso idioma no exercicio das súas funcións, precisamente nos momentos de maior transcendencia. Usando reiteradamente o castelán para se dirixir ao conxunto de galegas e galegos redunda no falso prexuizo da inutilizade da nosa lingua para o realmente importante.
Até agora, recorda Queremos Galego, o presidente da Xunta sempre se dirixira na nosa lingua ao conxunto da cidadanía e aos medios de comunicación galegos. “Agora, nunha situación de crise sanitaria”, apuntan, “a lingua galega non deixou de ser a lingua propia de Galiza e continúa a ser válida para a comunicación coa cidadanía”. E insisten en que “a lingua galega é o principal elemento de cohesión social e de unidade do pobo galego” e que os poderes públicos galegos teñen obrigas respecto dela, tal e como sinala o artigo 5 do Estatuto de Galiza. “Dirixirse a galegos e galegas na súa lingua é unha das súas obrigas e parte das responsabilidades dos seus representantes”, insisten, “en primeiro lugar, do Presidente da Xunta e, nomeadamente, cando se trata de informar a poboación sobre cuestións que afectan de xeito fundamental á súa vida presente e futura como acontece na actualidade”.
“Negar a utilidade do galego, renunciando ao usalo como o seu máximo representante institucional”, denuncian, “é tamén negar a capacidade do pobo galego perante a crise”. E lémbranlle a Feixoó que “a súa obriga é defender todos os dereitos da cidadanía galega á que representa e iso é incompatíbel con converter a nosa lingua nunha outra vítima do COVID19”.