Queremos Galego presenta máis unha vez alegacións contra a sanción imposta polo Goberno español tras a manifestación do pasado 17 de maio

Para a plataforma cidadá a sanción pretende amedrentar os movementos sociais

A Coruña 9 de xaneiro de 2014-. A plataforma cidadá Queremos Galego voltou hoxe a presentar alegacións á sanción imposta pola Delegación do Goberno español pola celebración da manifestación do Día das Letras Galegas o 17 de maio de 2013. A primeira proposta de sanción produciuse tres meses despois da tradicional manifestación en defensa da lingua galega por supostos desperfectos que ninguén, salvo a Delegación do Goberno, puido observar. Queremos Galego lembra que esta manifestación como as ducias de actos reivindicativos celebrados con anterioridade se deselvolveron de xeito absolutamente pacífico.

 

Tras a entrega das alegacións no rexistro da Subdelegación do Goberno español na Coruña, o portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, afirmou “descoñecer o motivo polo que se a policía observou incidentes e pintadas, tal como consta na denuncia, por que non procedeu a identificar os supostos autores?”. Callón sinalou tamén o feito de que “se os axentes policiais non teñen responsabilidade “omisiva” por non ter evitado os supostos feitos, menos a pode ter un servizo de orde “voluntario” dunha Plataforma cidadá”.

 

Ao ver da Plataforma cidadá Queremos Galego a multa imposta pola manifestación do 17 de maio forma parte dunha campaña orquestrada para criminalizar os movementos sociais, intentando así, pola vía da represión, que o pobo galego deixe de saír ás rúas para defender os seus dereitos.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra